10 septiembre, 2024
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2024, que se entregarán durante a XXVIII Noite das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, o 20 de setembro, no Gran Hotel da Toxa, no Grove. Este ano, o lema do evento será 30.954: conexión total para vivir, co que se pretende salientar os esforzos realizados para levar a banda ancha ás máis de 30.000 entidades de poboación da comunidade autónoma, así como a implementación doutras tecnoloxías como o 5G, as estratexias avanzadas en ciberseguridade ou a conexión satelital.
O premio Enxeñeiro do Ano entregarase a Alfredo Ramos, director de R e MásOrange en Galicia, “pola súa traxectoria profesional e contribución ao desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, participando activamente no equipo que puxo en marcha o primeiro operador galego —R— e actualmente en MásOrange”. O xurado tamén destaca a súa “implicación persoal para dar pulo a proxectos pioneiros en Galicia, formando parte dos comités de dirección en diferentes entidades tecnolóxicas de carácter estratéxico como Gradiant e APD, e o seu compromiso co avance na creación de empresas e aceleradoras, así como cátedras interuniversitarias”.
O premio Socio de Honra concedeuse ao Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña (Muditel), pola súa contribución na conservación do patrimonio histórico das telecomunicacións e na súa divulgación. O museo amosa “as orixes e a evolución dun sector básico e absolutamente necesario na sociedade actual”, e pon en valor a tecnoloxía. A acta de concesión tamén recolle “a paixón coa que traballa todo o seu equipo e o amor á tecnoloxía, conscientes da importancia da época de grandes cambios e evolución tecnolóxica que lles tocou vivir”.
O premio Amtega ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais 2024 recaeu sobre o proxecto CelIA —intelixencia conversacional para asistentes interactivos orientados á linguaxe—. Esta iniciativa, ideada por atlanTTic —o centro de investigación para tecnoloxías da telecomunicación da Universidade de Vigo—, consiste nun asistente conversacional que pode empregarse a través de WhatsApp ou dunha aplicación propia para afrontar a soidade non desexada. “Trátase dun proxecto de utilidade social evidente, sobre todo nunha sociedade cada vez máis envellecida, na que a soidade é un problema crecente”, sinala o xurado. Ademais, ofrece “un asistente de saúde para mellorar a calidade de vida e axudar ao diagnóstico precoz de problemas de saúde mental”.
O premio Axians á entidade galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións 2024 recoñeceu a contribución da Universidade de Santiago de Compostela no eido das tecnoloxías da información e a comunicación. Destacouse o traballo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), especialmente en proxectos sobre intelixencia artificial, análise de big data e detección temperá de riscos. Por outra banda, “CiTIUS participou en varios proxectos europeos de I+D+i, consolidando á USC como un referente na xeración de coñecemento avanzado e a súa transferencia ao mercado e á sociedade”.
Por último, o premio ao Mellor expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo foi para Diego Cajaraville Aboy.