25 junio, 2024
A satisfacción na experiencia de compra das persoas maiores de 60 anos en Galicia está influenciada pola valoración do persoal en aspectos como a atención individualizada e a amabilidade no trato, así como polo ambiente físico das instalacións, incluíndo a confortabilidade, estética, mobiliario e iluminación. Esta é unha das conclusións do estudo «O supermercado de proximidade. A experiencia de compra das persoas maiores en Galicia,» realizado pola Cátedra Cruz Roja USC e Vegalsa–Eroski. O obxectivo do estudo é avaliar a experiencia de compra das persoas maiores, a atención recibida nos establecementos e a accesibilidade aos mesmos.
O estudo destaca que as experiencias positivas dos consumidores maiores están estreitamente relacionadas coa conexión social, ou sexa, a interacción coas persoas ao redor. Pola contra, a ergonomía e accesibilidade son os principais desafíos que dificultan a compra para as persoas maiores, segundo o persoal dos supermercados de proximidade.
Nesta liña, a solicitude de axuda está frecuentemente relacionada coa accesibilidade, como a dificultade para comprender etiquetas, ofertas e cartelería, así como a dificultade para atopar produtos nos andeis. Na caixa, as solicitudes de axuda adoitan relacionarse co peso da compra, a altura da cinta e o uso de medios tecnolóxicos e telemáticos. Observáronse posibles melloras para incrementar a accesibilidade e usabilidade dos establecementos, como a adaptación auditiva das caixas e básculas, o incremento do tamaño da letra no ticket de compra ou a instalación de portas corredeiras nas cámaras frigoríficas.
Foron estas conclusións as que permitiron á Cátedra Cruz Roja USC elaborar un decálogo de recomendacións para implementar nos supermercados de proximidade Eroski Center Galicia, que inclúe crear un ambiente seguro e de confianza para as persoas maiores, falarlles con empatía e respecto, e axudalas se se desorientan mediante unha comunicación clara e amigable.
Segundo Onésimo Juncos Rabadán, codirector da Cátedra Cruz Roja USC, e Trini de Lorenzo Otero, secretaria técnica da Cátedra Cruz Roja USC, o estudo achega conclusións valiosas que promoverán as boas prácticas do persoal nos supermercados de proximidade na atención á clientela maior, así como identificar posibles melloras. Na presentación tamén participaron Arturo X. Pereiro Rozas, director da Cátedra Cruz Roja USC; Gabriela González Márquez, directora de Responsabilidade Social Empresarial, Comunicación e Cliente de Vegalsa-Eroski; Mercedes Casanova Díaz, presidenta de Cruz Roja en Galicia; e Antonio Acevedo Prado, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia.
Este é o primeiro estudo realizado en Galicia que recolle tanto o punto de vista dos consumidores sénior como dos traballadores dos supermercados de proximidade. Por outra banda, a investigación incluíu unha mostra de máis de 500 participantes: 293 persoas de 60 e máis anos que visitaron 38 supermercados de proximidade Eroski Center en Galicia (61,8% mulleres) e 259 membros do equipo de Vegalsa-Eroski con postos relacionados coa atención ao público.
A través de dúas enquisas diferenciadas, observouse que a frecuencia coa que as persoas maiores acoden ao supermercado para realizar as súas compras e adquirir produtos frescos está asociada co número de habitantes da súa localidade de residencia: canta máis poboación ten a localidade, maior é a frecuencia de visita ao supermercado de proximidade.