31 octubre, 2024
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración para a realización de actividades de difusión e formación do programa ‘Navega con Rumbo’. Este programa ten como obxectivo promover o uso responsable das novas tecnoloxías entre o alumnado de centros educativos da comunidade dentro da Estratexia de Educación Dixital 2030 da Administración autonómica.
O acordo foi asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na sede da Xunta. Durante o acto, Fernando Suárez destacou que ‘Navega con Rumbo’ é un dos proxectos máis premiados e ilusionantes do Colexio, xa que proporciona aos rapaces unha educación tecnolóxica que lles permite navegar de forma segura por Internet. Este programa non só se centra nas vantaxes que o uso da tecnoloxía aporta ao seu proceso educativo e de crecemento persoal, senón que tamén aborda os riscos asociados, como o ciberacoso, o sexting ou o grooming.
A iniciativa, que cumpre a súa décimo terceira edición, estará dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º da ESO e 1º curso de ciclos de formación profesional de grao básico. A través de 240 charlas de concienciación, que se impartirán durante o curso escolar 2024-2025, especialistas do CPEIG achegarán información e recursos sobre como detectar e minimizar os riscos asociados ao uso da tecnoloxía.
As charlas están deseñadas para toda a comunidade educativa, incluíndo alumnado, profesorado e familias. Ademais, o programa tamén busca involucrar a docentes e pais para que se conviñan en transmisores de recomendacións sobre un uso seguro de Internet.
Como parte da renovación do convenio, o CPEIG actualizará a web do programa, onde se ofrecerá información de interese para a comunidade educativa. Tamén se elaborará unha Guía de Boas Prácticas en Internet que estará dispoñible en formato dixital e impreso, con linguaxe e deseño atractivo para facilitar o acceso á información.