29 octubre, 2024
A Cidade das TIC de A Coruña acollerá entre o 7 e o 9 de novembro a segunda edición do Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), un espazo de encontro para profesionais do sector que nesta ocasión se centrará nas interseccións entre lingua e audiovisual. Organizado pola Academia Galega do Audiovisual, o foro busca analizar os retos e oportunidades para a diversidade lingüística no ámbito audiovisual, un aspecto clave para garantir a representación cultural e identitaria das linguas minorizadas.
O evento reunirá a máis de 30 especialistas, entre guionistas, realizadores, tradutores, subtituladores e académicos, que analizarán como o audiovisual pode servir como canle para a preservación e difusión das linguas minoritarias. Figuras como Marta Cruañas, produtora no estudio Canadá, que traballou con artistas como Rosalía e Dua Lipa, e Dalibor Matanic, director da serie de Netflix “O derradeiro artefacto socialista”, formarán parte do panel de expertos xunto a creadores das series “Altsasu” e “O sabor das margaridas” e a produtora Beli Martínez, galardoada na recente edición da SEMINCI.
FIGA dividirase en tres xornadas temáticas. A primeira, titulada “Na procura da nova televisión: públicos mozos, accesibilidade e referentes renovados”, abordará o desafío de atraer novas audiencias e presentar referentes visuais adaptados ás xeracións actuais. Participarán neste bloque Judith de Argila e Daniel Hernández, do 3Cat; Fernando Ojea, da CRTVG; José Luis Blanco, de EiTB; e Adrián Canoura, realizador de cine experimental. Tamén estarán presentes tradutores audiovisuais e actores de dobraxe, como Charo Pena e Samuel Solleiro, para discutir o papel da tradución na accesibilidade e na conservación da diversidade lingüística.
O venres, 8 de novembro, a xornada centrarase na produción en linguas minorizadas, baixo o título “Unha esfera cultural propia”. Profesionais como Dalibor Matanic, Asier Urbieta (director de “Altsasu”), Ghaleb Jaber Martínez (creador de “Motel Valkirias”) e Beli Martínez compartirán as súas experiencias para visibilizar as linguas minoritarias no audiovisual. Académicos como Fernando Redondo, da USC, e Ana Viñuela, da Universidade Sorbonne Nouvelle – Paris III, completarán o panel co seu punto de vista investigador.
Para concluír, o sábado 9 de novembro, FIGA acollerá a xornada “Cara un circuíto estable e unha normalización na lingua do audiovisual”, onde se discutirá sobre a creación de redes e infraestruturas que permitan a normalización lingüística e un ecosistema audiovisual sustentable. Nela participarán produtores como Alfonso Blanco, distribuidores como Milo Baños, e guionistas como Araceli Gonda e Pepe Coira, así como figuras do mundo da interpretación e a asesoría lingüística en producións de éxito.
A dirección de contidos de FIGA está a cargo de María Soliña Barreiro, profesora da USC e membro do Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA). O foro, realizado grazas ao apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña, consolidarase como un referente na análise da relación entre lingua e audiovisual, impulsando a reflexión sobre o rol fundamental do idioma na produción cultural e na creación de públicos.