10 agosto, 2024
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), pertencente á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, destaca a súa campaña de sensibilización Traballo e calor, dirixida a afrontar os riscos asociados ás altas temperaturas e á radiación solar nos ambientes laborais. Esta iniciativa céntrase na necesidade de climatización, unha boa alimentación e hidratación nos lugares de traballo, entre outros aspectos.
O obxectivo é informar e concienciar sobre os perigos de realizar tarefas a altas temperaturas durante a xornada laboral, co fin de mellorar o benestar e a seguridade das persoas traballadoras. A través deste proxecto do Issga, a Xunta de Galicia dá a coñecer os grandes riscos que implica a calor no desenvolvemento de tarefas laborais, especialmente en épocas estivais. A campaña proporciona medidas preventivas explicativas orientadas a reducir a exposición das persoas traballadoras a estes axentes de risco.
Un dos principais riscos é o estrés térmico, unha situación de tensión causada pola calor que resulta na acumulación excesiva de temperatura no corpo. Esta situación pode deberse á combinación da carga de traballo, os factores ambientais do lugar de traballo e a resposta fisiolóxica do organismo ao incremento da temperatura, especialmente cando o traballo se realiza no verán, ao aire libre ou co uso de equipos de protección individual (EPI).
O Issga detalla, a través dun tríptico e dun cartel informativo, varias medidas preventivas, como facer pausas e descansar ao apareceren os primeiros síntomas de sobrecarga por calor, informar ás persoas superiores se se está padecendo calor, beber auga frecuentemente aínda que non se teña sede, evitar bebidas alcohólicas, café ou comidas abondosas durante a xornada laboral e utilizar, na medida do posible, roupas lixeiras, folgadas e de tecidos naturais, ademais de protexer a cabeza cun sombreiro, entre outras recomendacións.
Esta acción insírese no plan de actuación do Issga para o ano 2024, aínda que se vén desenvolvendo en exercicios anteriores como parte do seu compromiso coa promoción da prevención de riscos laborais. Así mesmo, lánzase no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que busca fomentar un mercado laboral respectuoso, diverso e seguro.
«Nese senso, cómpre engadir que o Issga desenvolve, desde a súa creación, diferentes actuacións dirixidas á mellora das condicións de traballo nas empresas como é o caso da sensibilización fronte á exposición á radiación solar e ás altas temperaturas nos espazos de traballo», sinalou a Xunta a través dun comunicado.