30 junio, 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Boborás (Ourense) na terceira edición da Xuntanza de Amigos de Venezuela-Galicia coa que se busca rendir un homenaxe a todas aquelas galegas e galegos que emigraron a este país recoñecendo o seu esforzo e traballo e o seu empeño para manter a galeguidade no exterior.
Trátase dunha celebración que tamén pon de manifesto unha unión que trascende fronteiras e xeracións e serve para seguir fortalecendo os vínculos entre Galicia e Venezuela.
José González agradeceu o labor diario dos galegos no exterior por manter vivas as tradicións, música e historia galegas e puxo en valor o traballo que se desenvolve na Irmandade Galega de Venezuela que definiu como un faro de galeguidade no exterior.
Referiuse tamén á celebración esta semana da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, un órgano colexiado de representación permanente dos galegos asentados fóra de Galicia, que ao igual que a xuntanza celebrada hoxe en Boborás sirve para compartir historias e reforzar os lazos de unión.
O conselleiro, así mesmo, sinalou o compromiso da Xunta cos retornados galegos facilitando a súa integración, dun lado, e no regreso a Galicia dos que así o desexen, doutra parte. Neste senso, lembrou que o Goberno galego está a executar a Estratexia Retorna Galicia coa que se está a impulsar o regreso de 30.000 galegos do exterior.
Retorno Cualifica Emprego
Esta planificación conta cun investimento de 450 millóns de euros que inclúe medidas como o programa Retorno Cualifica Emprego co que a Xunta está a ofrecer emprego de calidade en Galicia e axudas económicas para favorecer o regreso.
En palabras do conselleiro, é un plan personalizado de cualificación e mellora da empregabilidade, que tamén ofrece formación complementaria que poida ser precisa para o posto de traballo ao que se opta e a formalización do correspondente contrato laboral.
“A galeguidade únenos e debe seguir xuntándonos fortalecendo os vínculos de unión e explorando novas vías de colaboración”, apuntou González, quen, para rematar, agradeceu aos organizadores e participantes o facer posible a terceira edición da xuntanza, agardando que esta tradición continúe moitos anos máis.
Previa a súa intervención, o conselleiro fixo entrega de dous recoñecementos: a Pancho Moure, socio fundador da Irmandade Galega de Venezuela; e a José Monteagudo, ex director de Asistencia Social da Irmandade Galega de Venezuela.