14 septiembre, 2024
Un total de 21 novos títulos de cinema e televisión obtén subvención a través do investimento de 3.000.000 da Xunta. A iniciativa anual para a produción e /ou coprodución de longametraxes, curtas e series é unha das axudas deste ano con maior orzamento das nove que se enfocan na creación de proxectos deste sector.
Na resolución de concesión publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, recóllese que dos 21 proxectos subvencionados, 11 corresponden á modalidade para longametraxes cinematográficas, dous á de longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, seis á de curtametraxes e dúas á de series de televisión e/ou plataforma de vídeo baixo demanda. Ademais, a metade deles veñen avalados pola concesión en anos anteriores de axudas para a escritura do guión e para o desenvolvemento previo das tarefas de pre-produción a través das correspondentes convocatorias do Goberno galego.
Na categoría de longametraxes, oito dos proxectos reciben apoio na submodalidade de ficción con axudas que se sitúan maioritariamente entre os 260.000 e os 280.000 euros. Atópanse nesta listaxe a comedia costumista Unha cornetada para Lucrecia, de Portocabo TV, con dirección de Jorge Coira e guión de Araceli Gonda; o debut no formato longo de Lucía Estévez cunha proposta ambientada na movida viguesa dos oitenta -As defensas, de Cósmica Producións- coa que participou en diferentes laboratorios desenvolvemento, ou o regreso de Alfonso Zarauza ao seu cine máis persoal co drama Islandia, presentado por Matriuska Producciones e coescrito con Ledicia Sola.
Outras produtoras subvencionadas son Zeitun Films para Alumbre, do director arxentino Alejandro Telémaco Tarraf; Tamboura Films para Mil ourelas, de Sebastián Uría; Serea Producións para Só o ruído pode salvarnos, de Santos Díaz; Aurora Audiovisual AIE para Leo&Lou, de
Carlos Solano, e Adeus Berta AIE para Adeus Berta, con dirección de Fernando Tato a partir do guión escrito con Ángela Andrada e recoñecido co XX premio Julio Alejandro da SGAE.
No apartado de longas documentais, as tres subvencionadas con 80.000 euros cada unha son Golpear a un coloso, de Recrea Films e dirección de Marcos Nine, que aborda o caso Couso e o periplo da familia do camarógrafo ferrolán falecido na guerra de Irak; A montaña
na miña parede, de Filmika Galaica, na que Carla Andrade propón unha viaxe persoal desde o baleiro do Himalaya ata o deserto de Atacama; e Juliette & Camille, de Indígena Films, con guión e dirección de Paloma Zapata.
En canto á modalidade de coproducións internacionais con participación minoritaria española, a Xunta contribúe con 50.000 euros á realización doutro documental de Filmika Galaika, Bandeirantes, e con 150.000 euros á longa de animación Chocó e a selva máxica, encabezada por Brasil e Portugal coa implicación da compañía galega Abano Producións.
Lume, serie galego-portuguesa presentada por Setemedia e que acaba de rematar a súa rodaxe, conta con 260.000 euros na categoría de proxectos de televisión e plataformas, na que tamén conseguiu unha axuda de 240.000 euros Pensión incompleta, de Voz Audiovisual, proxecto pioneiro que se filmará en Galicia, Cataluña e País Vasco coa participación das tres televisións autonómicas e a plataforma Amazon.
Finalmente, cofináncianse con 15.000 euros en cada caso seis curtametraxes: as de ficción As maos da pulpeira (Matriuska Producciones), de Silvia Cachafeiro; Souvenir (Frida Films), de Madi Canals, e Garabato (Cristela Torres Nine), de Alicia Úbeda; as de animación Cumi (Gaitafilmes), de David Fidalgo, e O lauro (Acarino Films), de Giovanna Lopalco, e a documental Escala 1:50.000 (Rebordelos), de Ángel Suances.