Considerada a Feira das Feiras en Galicia, a súa orixe remóntase á Idade Media, vinculada a un imposto sobre o sal cobrado na contorna da vila. Tradición e autenticidade son dúas calidades que se poden aplicar á feira que por Santos se celebra en Monterroso, na comarca da Ulloa, no centro xeográfico de Galicia e cruzamento de camiños de arrieiros que comunicaban a costa galega con Castela. Polo menos, este mercado agrícola e gandeiro funciona desde 1450, data da que se teñen probas documentais, aínda que as últimas investigacións apuntan a que a feira pode ter unha antigüidade de 800 anos. Alén da feira cabalar, Monterroso é o gran mercado dos produtos de tempada: queixos, castañas, mel, produtos cárnicos e doces, ademais de medio centenar de postos de polbo distribuídos por toda a superficie feiral. O espazo acolle, ademais, actuacións musicais e degustacións gastronómicas locais. Monterroso é, en definitiva, unha visita obrigada para calquera persoa interesada na cultura e tradicións de Galicia. Fotos: A.H.P. de Lugo, Concello de Monterroso e Turismo de Galicia
Unha das visitas obrigadas de todo aquel que se achegue ao termo municipal de Cervo é o Parque Natural de Sargadelos, situado na parroquia do mesmo nome. Dende Cervo pódese acceder a Sargadelos mediante un agradable paseo polo Camiño Real bordeando o Río Xunco e contemplando diversas fervenzas e muíños de auga. Unha vez chegados ás inmediacións do Parque Natural de Sargadelos, as suxestivas paisaxes invaden a vista do tranquilo verdor, destacando o Conxunto Histórico Artístico, cos restos das Antigas Fundicións e Fábricas de Louza, fundadas por Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, no século XVIII. Neste enclave natural pódese camiñar polo Paseo dos Namorados que finaliza nunha bonita fervenza. Así mesmo, pódense contemplar nos seus arredores frondosos bosques salpicados de casas rurais, como a Casa da Administración ou o Pazo do Marqués de Sargadelos, que definen a súa paisaxe como rural e señorial. Fotos: Concello de Cervo e DS
O Centro de Emprendemento do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos está ubicado no Antigo Edificio das Cabalerizas, reformado e acondicionado polo Concello de Cervo, con fondos procedentes da Xunta de Galicia, para a creación dun centro de artesanía e de actividades singulares adaptadas á contorna. Fotos: Concello de Cervo