Tanxugueiras rende homenaxe ás pandeireteiras no Día das Letras Galegas cunha emotiva reinterpretación de 'Meu Amor'.
17 mayo, 2025
No Día das Letras Galegas 2025, o grupo Tanxugueiras quixo render a súa particular homenaxe ás pandeireteiras e á poesía popular oral, protagonistas desta celebración. O trío reinterpretou ‘Meu Amor’, unha canción do grupo Leilía, pioneiras en dar visibilidade ao uso da pandeireta no escenario e unha das maiores influencias de Tanxugueiras.
A elección do tema non é casual, pois representa un símbolo de conexión coa tradición musical galega e coa memoria colectiva que perdura grazas ás mulleres que transmitiron as melodías e as letras populares ao longo do tempo. Para Tanxugueiras, Leilía foi unha inspiración directa para dedicarse á música, polo que este tributo pretende recoñecer a todas as mulleres que gardaron nas súas voces o eco da cultura galega.
O videoclip da canción, dirixido por Trece Amarillo e gravado en Expo Coruña, está marcado por unha posta en escena sinxela pero intensa. O vídeo destaca pola súa representación da unión entre as tres integrantes do grupo a través de trenzas entrelazadas, un símbolo da conexión coa tradición e da comodidade que atopan ao compartir música e espazo. A dirección de movemento, a cargo de Arnau Pérez, achega unha coreografía coidada que reflicte a delicadeza co que o grupo aborda a música tradicional.
Nas súas propias palabras, Tanxugueiras explican: “O vídeo significa que hai algo que nos une entre nós as tres, que é a tradición, a nosa música, a nosa cultura, e non hai nada máis tradicional que un ‘carrapito’, nome que se lle dá á trenza que aparece nas imaxes. Neste caso, quixémonos entrelazar para simbolizar esa unión e ese vínculo pola música tradicional.”
A Real Academia Galega decidiu dedicar o Día das Letras Galegas deste ano á poesía popular oral, recoñecendo a contribución de figuras como Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos e as Pandeireteiras de Mens, formadas por Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Con esta homenaxe, quérese poñer en valor a importancia dunha tradición que forma parte da identidade galega.
Tanxugueiras, símbolo de evolución e preservación da música tradicional
Coa súa proposta innovadora, Tanxugueiras conseguiu abrir novos camiños para a música galega, adaptando sons tradicionais a estilos contemporáneos. Aida, Sabela e Olaia consolidáronse como referentes musicais, levando a tradición galega a grandes escenarios e logrando recoñecementos tanto a nivel nacional como internacional.
Entre os seus logros máis destacados está o histórico concerto no Coliseum da Coruña, onde se converteron no primeiro grupo en galego en lograr un sold out no recinto. A súa traxectoria tamén inclúe multitudinarias actuacións no Auditorio de Castrelos e no Festival Noroeste, así como colaboracións con artistas como Shinova, Andrés Suárez e Hard GZ.
Tanxugueiras continúa explorando novas sonoridades e propoñendo proxectos orixinais. A súa xira actual, ‘AntesD’, continúa levando a súa forza e paixón por toda a Península, coa intención de seguir facendo historia na música de raíz galega.