Cartel do Día de Rosalía.
23 febrero, 2025
O vindeiro domingo 23 de febreiro, Padrón, berce da gran escritora Rosalía de Castro, celebrará o Día de Rosalía cunha programación variada e completa organizada polo Concello de Padrón, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. A xornada combinará actos institucionais, degustacións gastronómicas e actividades culturais, todas co obxectivo de manter viva a memoria da autora e reivindicar o seu legado.
A programación dará comezo ás 13:30 horas no centro da vila cunha alborada protagonizada polos xigantes de Rosalía e de Castelao, cedidos polo Concello de Rianxo. Estes xigantes percorrerán as rúas da vila achegando á xente a esencia popular da festividade. A inclusión de Castelao neste acto responde á celebración do 75 aniversario do seu pasamento, co 2025 sendo declarado Ano Castelao. Ambos os dous, Rosalía e Castelao, son figuras exemplares de compromiso pola galeguidade, a defensa da lingua, a xustiza social e o amor pola terra.
Mentres se celebra o desfile, os establecementos hostaleiros de Padrón ofrecerán degustacións do Caldo de Gloria, unha receita inspirada nos versos de Rosalía que simboliza a resistencia e dignidade do pobo galego.
Ás 18:00 horas, terá lugar un dos momentos máis emocionantes da xornada: a tradicional ofrenda floral diante da estatua de Rosalía de Castro no paseo do Espolón. Este acto institucional será unha homenaxe á escritora, cuxo legado segue a ser un referente na literatura e na identidade galega.
A programación continuará na Casa de Rosalía, onde ás 19:00 horas se celebrará outra degustación de Caldo de Gloria, desta vez a cargo do cociñeiro Alberto Carou, do restaurante Curral do Marqués de Rianxo. Para pechar a xornada, a cantante Antía Muíño ofrecerá un concerto ás 20:00 horas no auditorio da Casa de Rosalía, completando un día cargado de cultura e lembranza.