Imagen de Casa Benjamín.
23 febrero, 2025
Once locais de hostalería de Rois participaron este domingo 23 de febreiro coa iniciativa do Concello repartindo tapas de Caldo de Gloria entre a súa clientela como forma de celebrar o día de nacemento de Rosalía de Castro. A ampla programación para celebrar o Día de Rosalía incluíu tamén actividades musicais e un sorteo en redes sociais.
Este domingo, once establecementos hostaleiros ofreceron unha tapa de Caldo de Gloria a todas as persoas que se achegaron a tomar algo a estes establecementos. A tapa ía acompañada dun orixinal pousavasos no que se recollía un fragmento do poema Miña casiña, meu lar.
Nesta iniciativa participaron o Mesón A Casiña, o Café-bar A Lúa, a Taberna Angueira, o Hotel Camiño do Mar, a Taberna Casa Benjamín, a Casa Rural Fogar do Selmo, o Bar Muelle, o Bar O Pemento e o restaurante do Club de Golf Val de Rois. Pola tarde sumáronse o Café-bar Malecón e a Taberna Venezuela.
Como parte da homenaxe, o Concello distribuíu 2.025 manteis e 1.000 pousavasos conmemorativos entre os locais de hostalería, os centros educativos CPI Os Dices, CPPI O Pumar e A Galiña Azul, así como na Asociación Amipa e no Centro de Día de Urdilde.
A música tivo tamén un papel fundamental nesta conmemoración, cunha serie de concertos organizados no Auditorio Municipal. O venres 21 e o sábado 22 de febreiro, a Escola Municipal de Música de Rois ofreceu dous concertos de solistas, mentres que este domingo 23 o alumnado da ESMU participou con Xoán Curiel no seu espectáculo Treides comigo!.
Ata final deste mes de febreiro, a Biblioteca Municipal de Rois contará cun espazo dedicado a Rosalía, onde as persoas visitantes poderán descubrir novas adquisicións literarias sobre a escritora e facerse unha foto no posadoiro especial preparado para a ocasión.
Un ano máis, o Concello anima a toda a cidadanía a compartir contidos relacionados con Rosalía nas redes sociais ata o 28 de febreiro, utilizando os cancelos #RoisconRosalía e #DíaDeRosalía. Entre todas as persoas participantes sortearanse dous lotes de libros sobre a autora, un en Facebook e outro en Instagram.

Café bar El Muelle

Taberna O Pemento