A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou, esta mañá, a programación, que arrincará este venres, 9 de maio, e se prolongará ata o día 30.
6 mayo, 2025
Teatro, música, exposicións, cinema, literatura e baile tradicional: a programación cultural da Pobra do Caramiñal para celebrar as Letras Galegas 2025 chega este ano cargada de propostas para todas as idades e gustos. Baixo o título Maio das Letras Galegas, as actividades desenvolveranse entre o 9 e o 30 de maio, cun forte protagonismo da cultura local e da lingua galega.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou esta mañá o calendario municipal, destacando que o obxectivo é “ofrecer propostas de todos os xéneros culturais e pensadas para veciños e veciñas de todas as idades”.
O venres 9 de maio dará comezo a programación coa inauguración da exposición Da Pobra para o mundo, realizada polo alumnado da escola Fernández Varela (12:30 h, Casa da Cultura Raquel Fernández Soler). Esa mesma noite, o Cine Elma proxectará a longametraxe As Neves, un thriller galego ambientado nunha vila marcada pola desaparición dunha rapaza tras o Entroido (21:00 h).
O xoves 15, as rúas da vila serán tomadas polos máis pequenos da man de Barafunda Animación, coa actividade O xogo das Letras Galegas: Coa voz en festa, entre as 10:00 e as 13:00 h.
O venres 16, tamén no Elma (20:00 h), o grupo Barahunda presentará o seu libro-disco Fremosas. Cantigas de amigo e de amor, un traballo que mestura tradición e innovación sonora a través da poesía medieval galega.
No propio Día das Letras Galegas, o sábado 17, será a quenda das asociacións culturais da Pobra. Pola vila, de remudas levará á rúa música e baile tradicional coa participación de Arrancadeira, Xiada e Eiradela, de 12:30 a 14:30 h.
O venres 23, o Cine Elma acollerá a estrea da curtametraxe Adeus, Berta, de Fernando Tato. A sesión incluirá un coloquio co director e parte do equipo, ademais de photocall, cóctel e música (19:30 h).
Finalmente, o programa pecharase o venres 30 de maio coa presentación do libro Cando o mundo é azul, de Óscar Reboiras, gañador do VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro da Pobra. A cita será ás 12:00 h no auditorio da biblioteca Victoriano García Martí, e os escolares asistentes recibirán un exemplar como agasallo.