O Busto de Zernadas, símbolo de memoria e cultura en Fruíme.
16 mayo, 2025
O adro da Igrexa de Fruíme está listo para acoller mañá sábado a primeira Romaría das Letras, unha celebración que mestura música, contacontos, obradoiros e memoria histórica para render homenaxe ao Cura de Fruíme, Diego Zernadas de Castro. O evento está organizado polo Concello de Lousame en colaboración coa Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Deputación da Coruña.
As actividades comezarán ás 11:00 horas cunha exposición sobre a vida e obra de Diego Zernadas de Castro, que permanecerá aberta ao longo de todo o día. Ás 12:30 horas terá lugar o acto central da mañá: a tradicional ofrenda floral diante do busto do Cura de Fruíme, acompañada pola música da Banda de Lousame.
O protagonismo das voces tradicionais chegará ás 13:30 horas coa homenaxe ás cantareiras locais a cargo do grupo de pandereteiras da Uned Sénior de Lousame, seguido da actuación da Asociación Cultural O Son do Pote, que porá o peche á sesión matinal.
Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, o adro da igrexa converterase nun espazo de aprendizaxe e creatividade con diversos obradoiros culturais. Ás 18:00 horas será a quenda de Raquel Queizás, que ofrecerá un contacontos especialmente pensado para todas as idades.
O broche de ouro chegará ás 19:00 horas coa actuación de Xoán Curiel, que presentará o seu espectáculo “Treides Comigo – Alén”, ofrecendo un concerto que fusiona tradición e innovación musical.
O obxectivo da Romaría das Letras é revitalizar a memoria de Diego Zernadas de Castro, coñecido como o Cura de Fruíme, e promover o legado cultural desta figura histórica. A celebración busca converterse nun referente anual para a comunidade, combinando tradición, música e participación cidadá nun ambiente festivo e reivindicativo.
A romaría conta co apoio das administracións locais e autonómicas, destacando o compromiso de Lousame coa promoción da cultura e a preservación do patrimonio inmaterial galego.