Francisco Cidrás, Antonio López, Xesús Alonso Montero e Ana Boullón. Nun segundo termo, Gumersindo Feijoo xunto ás cantareiras de Ferreñas Ceibes. Foto: Santi Alvite
16 mayo, 2025
O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este 16 de maio o acto institucional da Universidade de Santiago de Compostela para celebrar o Día das Letras Galegas, cunha homenaxe colectiva á tradición oral e á súa transmisión a través das mulleres cantareiras.
A conmemoración serviu de marco para a presentación do libro Canta ti, cantarei eu. A poesía popular oral, coordinado pola profesora Ana Isabel Boullón Agrelo e editado por Edicións USC. A obra reivindica a forza e o valor da poesía popular oral galega, recollida de forma anónima durante xeracións por mulleres alleas aos circuítos culturais convencionais. Estas mulleres, protagonistas silenciosas da nosa tradición, foron homenaxeadas este ano pola Real Academia Galega (RAG), que dedicou a efeméride ás figuras de Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e as Pandeireteiras de Mens (Malpica): Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido.
No acto, o reitor Antonio López Díaz destacou o papel das institucións na normalización lingüística, subliñando a responsabilidade de estender o uso da lingua máis alá do ámbito académico. Ademais, puxo en valor o traballo cultural e formativo da Facultade de Filoloxía, espazo onde “tamén se fai música e cultura”.
O título da obra presentada nace dunha copla recollida por Dorothe Schubarth en Avión, transcrita por ela mesma xunto a Antón Santamarina. Para Boullón, representa “a forza do colectivo e da sororidade feminina” nun proceso de transmisión oral que tivo nas mulleres a súa pedra angular. Xunto á profesora, participan no volume autores e autoras como Santamarina, Camiño Noia, Mario Regueira, Icía Varela ou Xosé Manuel Varela.
O relatorio central correu a cargo do profesor Xesús Alonso Montero, quen, baixo o título Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego, reivindicou a dignidade estética da copla popular e o papel esencial de Schubarth na súa recuperación. Lembrou tamén como Rosalía de Castro, a través de Cantares Gallegos (1863), foi quen de elevar os cantares populares ao rango de literatura, dotándoos de “poesía de boa lei”.
A música tamén tivo un papel protagonista da man do grupo Ferreñas Ceibes, formado por alumnado do grao de Filoloxía Galega da USC. O colectivo interpretou pezas tradicionais como o Maneo de Mens ou a Muiñeira de Cerceda, nunha mostra viva da herdanza cultural que encarnan as cantareiras.
A celebración estendeuse tamén ás bibliotecas da USC. A Biblioteca Universitaria presentou unha guía web sobre cantareiras e poesía oral, cunha escolma bibliográfica e recursos para afondar na súa figura. A Biblioteca Xeral ofrece unha mostra con novidades editoriais sobre esta temática, mentres que outras facultades organizaron exposicións específicas: a de Medicina lembra a Castelao como estudante de medicina e artista, e a de Psicoloxía e Ciencias da Educación exhibe materiais didácticos do período entre a Lei Xeral de Educación (1970) e a Lei de Normalización Lingüística (1983).