A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, destacou hoxe a importancia de seguir promovendo e poñendo en valor a figura de Rosalía de Castro, unha das autoras máis relevantes da literatura galega. Por este motivo, o Concello organizou unha serie de actividades que se desenvolverán ao longo da semana para celebrar a súa vida e obra.
A técnica de Cultura, Fina Sanisidro, explicou o programa de eventos, que inclúe o concurso infantil “Sete Rosalías”, que se celebrará do 18 ao 28 de febreiro. A iniciativa convida aos máis pequenos a atopar as “Sete Rosalías diferenciadas” agochadas en máis dunha trintena de establecementos comerciais da localidade.
O día grande da homenaxe será o 21 de febreiro, coincidindo co último día lectivo antes do Día de Rosalía de Castro. “É fundamental implicar aos centros educativos nesta celebración, xa que desempeñan un papel clave na promoción da lingua galega e na posta en valor das escritoras galegas”, sinalou a concelleira Patricia Lojo.
A programación do venres comezará ás 11:45 horas coa actuación do grupo de música tradicional Trécola. De seguido, terá lugar a performance participativa “Que pasa arredor de min?”, a cargo da compañía teatral Os Quinquilláns.
O acto central será ás 13:00 horas, coa tradicional ofrenda cívica na Praza Rosalía de Castro. Durante este evento, procederase á lectura dun manifesto en honra á autora e os asistentes poderán degustar o tradicional “caldo de gloria”, en referencia ao poema da propia Rosalía no que describe a humildade e resistencia do pobo galego.
Desde o Concello convidan a toda a veciñanza a participar nestas actividades, que buscan manter viva a memoria da escritora e reforzar o uso e o valor da lingua galega.





