8 noviembre, 2025
O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), en colaboración coa Xunta de Galicia (Consellería de Vivenda, Consellería de Educación e Axencia de Protección da Legalidade Urbanística), está a conmemorar os 25 anos do ProxectoTERRA –programa de cooperación co mundo da educación, arquitectura, paisaxe e territorio de Galicia–, a través do Iº Encontro Ibérico de Educación pola Arquitectura, que se está a celebrar no Museo MARCO de Vigo.
Neste encontro estanse a presentar diferentes iniciativas destinadas a mellorar os espazos educativos. Entre outros expertos, cóntase coa participación do arquitecto Fermín González Blanco, creador do sistema Lupo, un sistema modular integrado por pezas básicas con formas e dimensións proporcionais que permiten crear unha gran cantidade de aparellos e combinacións. Emprégase desde hai anos como instrumento didáctico, axudando a estimular a coordinación, a memoria, a sociabilidade e a creatividade. O seu artífice explica que nos seus inicios aplicábase fóra da educación regulada, concretamente en museos e centros de arte contemporánea, estendéndose na actualidade a colexios, universidades, centros de formación de profesorado…
O arquitecto vai abordar a transformación dos espazos educativos, un proxecto que ten en marcha dende hai casi dúas décadas, centrado no traballo colaborativo e que fomenta un sentido de comunidade dentro da escola e a súa contorna. Tal como indica, “trátase dun proxecto desenvolto en condicións de máxima complicidade entre o alumnado, o profesorado, as familias e a Administración”. Explica que “dende a nosa profesión como arquitectos e educadores, acompañamos a diferentes comunidades educativas para analizar a situación dos seus centros e propoñer novas ideas desde unha perspectiva pedagóxica e arquitectónica”.
Dentro deste proxecto, hai dez anos xorde a iniciativa “Mestra de obra. Escolas en evolución”, dedicada á transformación participada de espazos educativos en clave social e ecolóxica, que involucra a toda a comunidade educativa, xa que -tal como manifesta o arquitecto-, “a transformación do espazo é repensar integralmente”. Sinala que esta iniciativa nace ante o envellecemento das infraestruturas escolares en Galicia e tamén noutras comunidades autónomas, onde se está a exportar este proxecto, como o caso do País Vasco, Navarra, Asturias… Trátase en particular de centros de educación infantil e primaria de diferente ámbitos, situados tanto en contornas urbanas como no rural.
No transcurso do congreso, Fermín González Blanco vai presentar unha publicación que recolle 50 proxectos desenvoltos na nosa comunidade no marco da iniciativa “Mestra de obra”, a través de 50 minicontos. Nela participan ademais varios expertos, entre eles profesores e urbanistas, que abordan a importancia da participación infantil neste tipo de experiencias e como debe ser a gobernanza no eido da escola.
Un caso especial: os patios dos colexios
“Tratamos de facer que os espazos interiores sexan máis agradables, nalgúns casos abríndoos ao exterior. Destaca o caso particular dos patios, onde hai un amplo requirimento para que deixen de ser un anexo ao colexio, e convertelos nunha aula sen teito, en espazos pedagóxicos. Nesta liña, estamos a crear patios-bosque, patios que abrazan unha contorna natural, outros que botan man da economía circular a través de restos da industria para facelos máis acolledores, incorporamos novas estruturas para crear sombra, paredes activas para o desenvolvemento de actividades lúdicas…” -sinala o arquitecto-.
“Non se trata de solucións aplicables dun xeito indiscriminado, senón que nos adaptamos ás necesidades e capacidades de cada centro e, por suposto, ao seu proxecto educativo. Analizamos cada caso e propoñemos medidas e solucións para abordar os seus problemas cotiáns, axudándoos na creación de contornas que melloren o estado dos seus centros” -manifesta o arquitecto-. Fermín González salienta que “son todos proxectos lonxevos, que aguantan no tempo. Non son froito dun capricho. Temos a sensación de ser necesarios, posto que responden a un interese social. Apoiamos casos que o necesitan”.