17 octubre, 2025
A spin-off Neutron Insights, xerada a partir da investigación desenvolvida no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), foi recoñecida este mércores coa distinción á mellor iniciativa empresarial en innovación para o sector forestal no marco do V Premio Cámara de Comercio-Ence, celebrado no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra.
O galardón distingue o proxecto CORNEA (Cosmic Ray NEutrons for Agriculture), que desenvolve un sistema de medición da humidade do solo mediante raios cósmicos, co que se pretende ofrecer unha solución precisa e non invasiva para a xestión integral da auga en ámbitos agrícolas e forestais. Segundo o cofundador e CEO de Neutron Insights, Pablo Cabanelas, “o proxecto constitúe un exemplo claro de como o coñecemento académico xerado ao longo de anos pode transferirse ao tecido industrial, xerando un importante retorno económico”.
Na mesma gala, a USC tamén viu recoñecidos varios dos seus traballos. Óscar Queipo, do Campus Terra, recibiu o premio ao mellor TFM por Manual para directores técnicos de extinción en la gestión de emergencias por incendio forestal, mentres que Carlos Peco obtivo o accésit pola súa investigación sobre planificación forestal multiobjetivo en montes veciñais. Ademais, Carlota García acadou o accésit na modalidade de TFG polo estudo sobre metodoloxías de inventario forestal.
Neutron Insights basea o seu coñecemento en décadas de experiencia en instrumentación de física nuclear e de partículas, desenvolvida nos laboratorios do IGFAE. A spin-off aplica estas tecnoloxías en diversos sectores, ofrecendo solucións como inspeccións e ensaios non destrutivos de materiais, detección temperá de focos de ignición ou sensores de humidade do solo en tempo real, como é o caso do proxecto CORNEA.
O recoñecemento no V Premio Cámara de Comercio-Ence engádese a outros premios acadados pola spin-off, como o Premio GCiencia Galicia Spin-Off na categoría de Idea Emerxente ou a súa inclusión no programa da aceleradora ViaGalicia. Nos seus primeiros pasos, o proxecto tamén contou co apoio do programa Argos da USC, que impulsou o seu desenvolvemento inicial.