6 noviembre, 2025
A Sala Eisenman encheuse cun ambiente festivo e de recoñecemento colectivo: case un centenar de persoas do tecido empresarial, cultural e institucional galego acompañaron a entrega dos Premios Benfeito de Consumo, impulsados pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).
A xornalista Carmen Chao conduciu unha gala áxil e próxima, na que Tonhito de Poi puxo a nota musical e o profesor Gumersindo Feijoo achegou unha reflexión sobre o ecobranqueo.
As empresas gañadoras
No capítulo de gañadoras, Gadis impúxose na categoría de Produtos Alimenticios; Santos, en Produtos Non Alimenticios; e Xenera, en Servizos, todas elas elixidas pola cidadanía mediante unha votación pública aberta nas canles oficiais da UCGAL nas últimas semanas.
Abrindo a rolda de entregas, Gadis recibiu o galardón de mans da conselleira do Mar, Marta Villaverde, e do secretario xeral da UCGAL, Miguel López. A organización subliñou a traxectoria dunha marca que constrúe confianza día a día, coida o produto, ás persoas e ao país, e que converte a compra cotiá nun acto de corresponsabilidade que multiplica valor no territorio.
A gala continuou coa distinguida na categoría de Produtos Non Alimenticios, onde Santos foi recoñecida pola súa capacidade para “vender criterio”, unindo ergonomía, precisión e beleza discreta para crear espazos nos que apetece estar —porque, como se lembrou na gala, a cociña é o corazón do fogar, o lugar onde a vida acontece. O premio foi entregado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e pola presidenta da UCGAL, Rocío Arnoso.
Pechou o bloque competitivo a categoría de Servizos, na que Xenera foi recoñecida por transformar a enerxía en confianza: tarifas comprensibles, atención próxima e impulso do autoconsumo e das comunidades enerxéticas, para que o quilovatio deixe de ser só unha cifra e se converta en benestar. O premio foi entregado pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e pola directiva da UCGAL Carolina Castro.
Mencións Especiais
A gala detívose despois nas Mencións Especiais. Editorial Galaxia foi distinguida polo seu labor de 75 anos facendo e sendo país, tendendo pontes entre xeracións e prestixiando a lectura en galego. Entregaron a distinción a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o presidente do CES Galicia, Manuel Pérez, e Miguel López.
Finalmente, Florentino recibiu a Mención Especial pola súa contribución á construción dunha marca de prestixio con identidade propia, coherente no tempo e recoñecible pola calidade. O galardón foi entregado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e pola presidenta da UCGAL, Rocío Arnoso.
Un recoñecemento bianual á excelencia
Ao longo do acto, a organización lembrou que os Benfeito teñen carácter bianual e naceron para distinguir a excelencia, a innovación e o compromiso coas persoas consumidoras das empresas asentadas en Galicia.
Na primeira edición (2023) foron recoñecidas Estrella Galicia (Produtos Alimenticios), Naviera Mar de Ons (Servizos) e Droguerías Arenal (Produtos Non Alimenticios), con Mencións Especiais ao Mercado de Abastos de Santiago e a Bodegas Algueira.
A UCGAL salientou os Benfeito como unha plataforma que visibiliza boas prácticas e reforza a confianza entre cidadanía e empresas. A gala foi, en esencia, unha celebración do que Galicia sabe facer ben: producir, servir e crear valor con responsabilidade.
Los diputados de la coalición BNG-PSG Lois Diéguez, Bautista Álvarez y Claudio López Garrido, de izda. a dcha., fueron expulsados del Parlamento de Galicia, ubicado en el Pazo de Fonseca, en la sesión celebrada el día 23 de noviembre de 1982, por negarse a prestar juramento de la Constitución española. Fotos: AG, BM, PG y DS