10 septiembre, 2024
Por segundo ano consecutivo a Volta a Galicia para corredores elite e sub-23 comeza con dúas xornadas na provincia de Lugo. Nesta ocasión o punto de referencia será Sarria, onde este xoves se disputará o prólogo de 7,1 quilómetros e ao día seguinte, o venres, estará situada a liña de saída e de chegada dun percorrido de medio montaña que alcanza os 160 km. Unha dobre cita que fará vibrar durante dous días a unha vila moi vinculada ao ciclismo.
Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego, visitou nas últimas horas Sarria para presentar as dúas xornadas xunto a Efrén Vázquez, vicepresidente da Deputación de Lugo, na rúa Maior. O representante provincial explicou que «desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovamos o apoio á Volta a Galicia, apostando de novo polo ciclismo como plataforma para amosar a riqueza natural e patrimonial e dinamizar económica e socialmente Sarria e o resto da comarca e do interior de Lugo, pola loxística e o público que trae consigo».
Efrén Vázquez tamén destacou a relevancia deportiva da proba para ciclistas que aspiran a unha carreira deportiva profesional. Neste sentido subliñou que «o apoio á proba pretende contribuír ao fortalecemento dunha estrutura deportiva – unha rede de clubs, competicións e público- que fomente a práctica desta modalidade e que ofreza aos ciclistas e ás ciclistas do país un itinerario de crecemento competitivo».
Por outra banda, na recepción que tivo lugar na Casa do Concello, o edil de Deportes desta localidade, Félix Seijas, resaltou o forte vínculo que une o ciclismo con Sarria. Asemade, o concello amosou o seu orgullo polo feito de que una acontecemento deportivo de altísimo nivel conte con esta vila lucense como un dos escenarios principais.