6 julio, 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na presentación dunha nova edición do Trofeo Presidente da Xunta de vela, que permitirá situar unha vez máis a Galicia como escenario ideal para acoller probas deportivas de primeiro nivel. No acto tamén interviron o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde e o vicepresidente do Monte Real Club de Iates de Baiona, Alejandro Retozala.
O Trofeo Presidente da Xunta premia os gañadores do Circuíto Galego de Alto Nivel, que este ano incorpora dúas regatas novas, polo que pasa das tres tradicionais a cinco. A competición comeza esta mesma fin de semana na Coruña coa XXIV Regata S.A.R. Infanta Elena, organizada polo Real Club Náutico da Coruña.
As seguintes probas correspóndense precisamente coas dúas novas incorporacións ao circuíto: do 13 ao 14 de xullo a XXX Regata General Gabeiras e do 10 ao 11 de agosto a XXXVI Regata Mar de Finisterre, con sedes no Club Náutico Ría de Ares e o Real Club Náutico de Portosín, respectivamente.
As dúas últimas citas son probas xa tradicionais deste circuíto: o Trofeo Príncipe de Asturias, vinculado ao Monte Real Club de Iates de Baiona -do 6 ao 8 de setembro- e a IX Regata Rei Xoan Carlos I no Real Club Náutico de Sanxenxo, que se celebrará do 27 ao 29 de setembro.
O Trofeo Presidente da Xunta consiste nunha representación do botafumeiro, o incensario da Catedral de Santiago de Compostela, e nel grávanse os gañadores das categorías cruceiro OCR e monotipos J80, aos que se lles entrega unha reprodución.
Diego Calvo destacou que estas cinco probas reunirán os mellores regatistas, o que converterá os respectivos concellos e toda a comunidade nun reclamo turístico tanto para afeccionados a este deporte como para visitantes. Nesta liña, aproveitou para felicitar a Tamara Echegoyen polas que serán as súas cuartas Olimpíadas en París este ano -só superada polas sete de Teresa Portela en piragüismo- e por ser unha das abandeiradas de España nestes Xogos, o que supón “un gran orgullo para Galicia”.
O conselleiro fixo un breve repaso pola historia da vela galega destacando fitos como o primeiro regatista galego en competir nuns Xogos Olímpicos, Alfredo Vázquez en Barcelona 92, así como as medallas de ouro de Antón Paz e Fernando Echávarri en Pequín 2008, as de Sofía Toro xunto con precisamente Tamara Echegoyen en Londres 2012, ou o bronce de Nico Rodríguez en Toquío 2020. Sinalou que deportistas coma eles son o espello das xeracións novas que os ven como referentes.
O titular de Deportes salientou ademais a importancia de que Galicia se converta nun referente para a elite dos deportes náuticos ao acoller de novo unha competición como o Trofeo Presidente da Xunta. Por iso, agradeceulles tanto á Real Federación Galega de Vela como ás cinco entidades participantes o traballo realizado.