13 septiembre, 2024
A segunda xornada provocou este venres un terremoto na Volta Ciclista a Galicia. Pablo García (Polti Kometa) anotouse o triunfo na tirada de 160 quilómetros con inicio e chegada en Sarria, saltando dende o sexto posto da xeral ao primeiro. O corredor madrileño foi o máis rápido do cuarteto que se destacou na segunda subida ao alto de Montán e defenderá a camisola de líder en Xinzo de Limia.
Despois do prólogo do día anterior, a localidade lucense de Sarria repetiu como epicentro da rolda para corredores elite e sub-23. Os escolares acudiron de forma masiva a saída e converteron o arranque da xornada nunha gran festa. A primeira etapa en liña da Volta ofrecía un percorrido con tres portos puntuables de 3ª categoría. Un trazado no que non houbo tregua de principio a fin. Nas dúas primeiras horas de carreira completáronse máis de 80 km.
O maillot amarelo lucíao Francesc Bennassar (Padronés Cortizo) e o gañador do prólogo ampliou a súa vantaxe como líder pasando segundo pola Meta Volante de Castroverde, por detrás de Eusebio Pascual (Vigo-Rías Baixas), e sumou outros dous segundos de bonificación na primeira das dúas Metas Volantes de Sarria, nesta ocasión superado por Gabriele Bessega (Polti Kometa). Entre eses dous puntos quentes ascendeuse o alto de Baralla. No seu cumio puntuou primeiro Joel Morales (Torres Trigón).
Ningunha escapada conseguiu consolidarse nos primeiros 100 km e ata a primeira das dúas subidas ao alto de Montán non se rachou a unidade do pelotón. Mateu Estelrich (Supermercados Froiz) pasou polo premio da Montaña en cabeza dun grupo no que non se atopaba Francesc Bennassar, despedíndose das opcións de conservar a camisola amarela. Martín Rey, un compañeiro do líder derrocado, levábase os 3 segundos en xogo na segunda Meta Volante de Sarria. Restaban 30 km e no arranque da segunda volta ao circuíto marcaban o ritmo cinco corredores do Eolo Kometa, o equipo máis representado en cabeza de carreira.
O traballo do conxunto da Fundación Contador á fronte do grupo rachouno Eusebio Pascual no inicio da segunda subida a Montán. Ao ataque do alacantino do Vigo-Rías Baixas responderon José Luis Faura (Padronés Cortizo), Estanislao Calabuig (Caja Rural – Alea) e dous ciclistas do Polti Kometa, Antonio González e Pablo García. Deste quinteto cedeu Calabuig antes de comezar os 12 quilómetros de descenso cara á meta con 40 segundos de vantaxe respecto aos seus perseguidores.
A renda resultou suficiente aos catro de cabeza para xogarse a vitoria e 10” de bonificación na rúa da Liberdade de Sarria. Antonio González lanzou o esprint e o seu compañeiro Pablo García impuxo a súa punta de velocidade ante Eusebio Pascual e José Luis Faura, segundo e terceiro respectivamente. Esa mesma orde ocupan na xeral os tres primeiros clasificados na etapa, co líder avantaxando en 15” ao segundo clasificado. O grupo perseguidor entrou 34” máis tarde comandado por Martín Rey.
O Polti Kometa foi o gran triunfador da xornada. O elite Pablo García fíxose coa camisola amarela, Antonio González coa da Montaña e Gabriele Bessega coa das Metas Volantes. O resto dos maillots corresponden a Martín Rey, o de mellor galego, e a Lucas Lopes, o de primeiro sub-23.
A caravana da Volta Galicia despídese de Sarria e este sábado transitará pola provincia de Ourense. En Xinzo de Limia comeza e remata unha etapa deseñada por un dos seus veciños máis ilustres, o ciclista profesional Carlos Canal. Un trazado de 160 km que responde ao perfil de ‘clásica’ e que se porá en marcha ás 12:00 horas.
Aos tres portos de Montaña de 3ª categoría das Estivadas (km 10), Iermes (km 77) e O Couso (km 97) hai que engadir o dobre paso no treito final polo ‘muro’ das Trandeiras. Esta explosiva subida non puntuable conta con ramplas que superan o 20% de desnivel e afrontarase por segunda e última vez a falta de 10 quilómetros para a conclusión. O outro aliciente da xornada estará nas Metas Volantes de Baltar (km 32), Bande (km 74) e Os Blancos (km 115).