11 septiembre, 2024
O vilagarcián Martín Rey (Padronés Cortizo), gañador do maillot amarelo Xunta de Galicia o ano pasado, pon en xogo desde este xoves a coroa da Volta. A rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego para corredores elite e sub-23 arranca a súa 22ª edición cun prólogo polas rúas de Sarria. Serán os primeiros 7,1 quilómetros dos 454,8 que os ciclistas terán que percorrer en catro xornadas nas que a emoción apunta a estar garantida ata o seu colofón en Sanxenxo.
A localidade lucense de Sarria será o epicentro da Volta Ciclista Galicia nos seus dous primeiros días. A contra o reloxo individual comezará ás 18:00 horas coa saída do primeiro dos 119 participantes e será retransmitida por Emesports a través de YouTube, onde tamén se poderán seguir en directo as outras tres xornadas. As primeiras pedaladas do prólogo daranse na rúa da Liberdade e o trazado polo centro da vila e a súa contorna garda o seu treito máis esixente para o final na rúa Maior. Os últimos 500 metros ofrecen un empinado empedrado, con pendentes por riba do 10% de desnivel.
As diferenzas que se establezan na apertura poden marcar o guión dunha carreira que este ano introduce como novidade as bonificacións, tanto nas Metas Volantes como nas liñas de meta, e que non presenta ningún final en alto. Iso si, non vai faltar dureza. As tres etapas en liña están catalogadas como de media montaña, un terreo ideal para que os equipos aposten por estratexias ofensivas.
Durante a tirada do venres, de 160 km polas comarcas de Sarria e Lugo, os corredores ascenderán tres subidas puntuables de 3ª categoría. O mesmo número de quilómetros e de portos afrontarán o sábado na provincia de Ourense, nun itinerario con saída e chegada en Xinzo de Limia que responde a un perfil de clásica, con ‘muros’ incluídos. A principal dificultade montañosa queda para o domingo, nos 127 km polas estradas pontevedresas do Salnés. O Monte Castrove, de 2ª categoría, coroarase a 30 km da meta situada en Portonovo, no concello de Sanxenxo.
Última rolda do ano
A Volta pecha o calendario español de roldas por etapas correspondente á temporada 2024. Despois de sete meses de competición, a última cita ten como escenario a comunidade autónoma que conta máis equipos da categoría elite e sub-23. As oito formacións galegas (Supermercados Froiz, High Level-Gsport, Vigo-Rías Baixas, Lasal Cocinas – Craega, Retelec-Ambilamp, Padronés Cortizo, Team Oiense-Escuela Estévez e o Club Ciclista Vigués) formarán parte dun pelotón internacional composto por dezasete conxuntos.
Das escuadras que chegan dende fóra de Galicia cabe subliñar a presenza do Polti Kometa, gañadora dúas veces da xeral da Volta (2021 e 2022), que se despide da categoría nesta rolda. Gomur Cantabria, Torres-Trigon, Technosylva Maglia Bembibre, Extremadura-Pebetero, Caja Rural – Alea e Telco’m On Clima Osés serán as outras formacións estatais e o pelotón complétano a estrutura francesa do Nippo-EF-Martigues (filial do EF Pro Cycling, equipo do UCI World Tour) e a portuguesa do Porminho Team U23.
Homenaxe a Álex Marque
Cada ano a Volta recoñece a traxectoria dun corredor histórico do ciclismo galego. Esta edición homenaxea a Álex Marque. O estradense, profesional dende o 2004 ata o 2022, conquistou no 2013 a Volta a Portugal, o triunfo máis importante dunha dilatada carreira na que se converteu nun referente deste deporte en territorio luso.
Toda a información sobre a 22ª Volta Ciclista a Galicia está dispoñible na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e o cancelo oficial do evento é #VoltaGalicia2024
Retransmisión en directo
Etapa 1: Sarria; 7,1 km CRI (xoves, 12 de setembro – 18:00h)