9 agosto, 2024
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 26 de xullo de 2024 pola que se recoñecen as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento, e rendemento deportivo de base, persoas adestradoras ou técnicas, persoas xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel, e se relacionan as solicitudes desestimadas e a causa. No momento actual, o número total de deportistas galegos e galegas recoñecidos e recoñecidas segue batendo récords e chega xa a 1.279, sendo 491 mulleres (38%) e 788 homes (62%).
Arredor do 79% de todos os recoñecidos son deportistas galegos de alto nivel (389 mulleres e 621 homes), superando por vez primeira o milleiro de recoñecidos con 1.010. Ademais, hai 108 deportistas de rendemento deportivo de base (51 mulleres e 57 homes); 100 deportistas de alto rendemento (33 mulleres e 67 homes); 34 técnicos de alto nivel (catro mulleres e 30 homes); 17 árbitras e xuízas (nove mulleres e oito homes); e dez deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e cinco homes). Entre estes DGAN vitalicios atópanse algúns dos mellores deportistas de Galicia como Carlos Arévalo, Carlos Pérez ‘Perucho’, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada). Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidos 43 deportistas galegos (14 mulleres e 29 homes) con diversidade funcional, o número máis alto da historia que segue a medrar.
Estas cifras acadadas polo deporte de alto nivel de Galicia débense por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.
Axudas aos olímpicos e paralímpicos
O pasado 1 de agosto, a Fundación Deporte Galego resolvía a segunda remesa de axudas para os deportistas, técnicos e árbitros galegos e galegas que participan nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, composta nesta ocasión por quince axudas por importe de 117.000 euros. Estas axudas súmanse ás primeiras 20 que sumaron unha contía de 147.000 euros e que foron resoltas o pasado 3 de xullo. As ‘Axudas DGAN 2024’ para deportistas, técnicos e xuíces olímpicos e paralímpicos pódense solicitar ata o 30 de setembro.