18 agosto, 2024
Parabéns ao CD Lugo! O conxunto albivermello recolleu este domingo 18 de agosto en Monforte de Lemos a testemuña do Ourense CF ao proclamarse campión da fase autonómica da Copa Federación. O colectivo lucense impúxose na gran final que tivo lugar no campo da Pinguela ao Coruxo FC e será o representante galego na fase nacional do torneo. Un solitario tanto de Jon Cabo na primeira metade bastou para que o trofeo xa luza nas vitrinas da entidade da cidade amurallada.
Os de Lolo Escobar saíron ao céspede da Pinguela coa firme idea de dominar ao rival a través da posesión da pelota e coa intención de xogar en campo contrario, aínda que ben é certo que as ocasións de gol brillaban pola súa ausencia.
O tanto do CD Lugo chegaría no minuto 18 tras un bo remate de Jon Cabo. O futbolista do elenco albivermello plantouse ante o gardameta Alberto Domínguez e superouno cun disparo seco e raso.
A decoración da final non cambiou co tanto lucense. Os de Lolo Escobar continuaron manexando o ritmo do envite ante un Coruxo que lle custaba recuperar e chegar con certa claridade ao área inimiga.
Co 0-1 chegaríase ao descanso na Pinguela.
Tras o paso polos vestiarios, e baixo unha calor infernal, o ritmo do encontro baixou. O CD Lugo quixo durmir a contenda consciente de que o resultado era favorable. Con todo, o Coruxo non tirou a toalla e no minuto 56 puido empatar a final grazas a un tanto de Álex Pérez, pero o asistente levantou a bandeira decretando a posición ilegal do dianteiro do bloque vigués e anulou o tanto. O futbolista do Coruxo aproveitárase dun rexeitamento do porteiro do CD Lugo.
Minutos máis tarde foi Bernardo Cruz o que puido poñer terra de por medio na final, pero o seu testarazo marchou fóra por pouco cando na bancada xa se cantaba o 0-2 a prol do conxunto albivermello.
Co paso dos minutos e co carrusel de trocos o ritmo do partido baixou. O CD Lugo continuaba buscando o segundo e o Coruxo FC foi arriba con todo na procura do empate ata o asubío final.
O CD Lugo proclamouse campión da fase autonómica e será o representante galego na fase nacional.
Ficha técnica
Podes consultar a ficha técnica do partido AQUÍ.
Entrega de premios
Na entrega de premios participaron o presidente da RFGF, Rafael Louzán; o presidente da Deputación de Lugo, José Tome; o presidente do CD Lugo, Tino Saqués; Manuel Falqué como representante do Coruxo FC; e o vicepresidente da RFGF en Lugo, Carlos Méndez.