31 mayo, 2024
Esta fin de semana un total de 550 bikers rodarán no circuíto do Monte Castrove. O sábado celébrase o Campionato de Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) e o domingo chegará a quenda do IX Mini BTT Poio. A dobre cita organizada polo Poio Bike Club garante espectáculo e unhas fermosas vistas á Ría de Pontevedra dende un enclave privilexiado.
A competición na que se reparten os títulos autonómicos da especialidade olímpica do BTT presenta este ano unha importante de novidade. A listaxe de categorías amplíase coa incorporación da Infantil. Deste xeito, poranse en xogo catorce camisolas da Federación Ciclismo Galego (FCG), uns maillots que esta temporada conmemoran a celebración do Europeo de Ciclocrós o vindeiro mes de novembro en Pontevedra.
Precisamente, as dúas carreiras infantís serán as encargadas de abrir o Campionato ás 15:30 horas. Ao rematar a primeira manga entrarán en escena os cadetes e os grupos de idade máster-40 e 50-60. Por último, a terceira e última entrega da xornada terá como protagonistas ás cadetes, ás juniors, ás elite e sub23, ás masters, aos juniors, aos elite e sub-23 e aos máster-30.
O ano pasado as coroas do XCO galego disputáronse en Outeiro de Rei e conquistáronas Lara Lois e Saúl López en elites, Sofía Álvarez e Anxo Carril en sub-23, Lorena Patiño e Mauro Vega en cadetes, Aroa Otero e Alejandro García en júniors, Raquel Vázquez e José Ramón Villanueva en máster-30, Silvia García e Jorge Aguín en máster-40, Antonio Rodríguez en máster-50 e Antonio González en máster-60.
O XCO Poio estreouse no 2023 e na súa segunda edición exerce de Campionato de Galicia nun circuíto moi selectivo. Tanto este evento como o Mini BTT do domingo foron presentados na casa consistorial do Concello de Poio coa presenza, entre outros, do alcalde Ángel Moldes e de Paco Albar, presidente do Poio Bike Club.