25 octubre, 2024
A Federación Ciclismo Galego, a Unión Europea de Ciclismo e EBU (Eurovision) ultiman os esforzos para que todas as competicións teñan seguimento en directo, do venres 1 ao domingo 3 de novembro.
Xa está confirmada a relación de cadeas de televisión de todo o continente europeo que emitirán as probas do Campionato de Europa de Ciclocrós, que se disputa a próxima semana na Illa das Esculturas, un circuíto que está practicamente listo para o evento.
Pasaron máis de tres meses desde que os profesionais de Eurovision, acompañados polo comité organizador e os responsables da Unión Europea de Ciclismo, realizaron unha visita técnica ao circuíto para deixar definidos todos os detalles da retransmisión televisiva. Finalmente serán as catro probas do domingo (sub-23 masculino e feminino; elite masculino e feminino) as que se emitirán por televisión en cadeas de toda Europa.
En concreto, o seguimento en España e en Europa realizarase principalmente a través de Eurosport e a App HBO MAX. En ‘A Casa do Ciclismo’ seguiranse desde as 10:45h as catro probas mencionadas. Igualmente emitirá toda a competición VRT para Bélxica nas súas distintas canles e soportes; e STVR Sport en Eslovaquia.
As probas elite tanto masculina como feminina a partir das 14h contarán coa cobertura de TVG, a Televisión de Galicia, con especial atención e agarimo ante a proba na súa comunidade. Ademais, o seguimento está garantido a través de NPO1 de NOS en Países Baixos; TVP Sport en Polonia; L’Equipe en Francia; e RTBF TiPik en Bélxica.
Pero o seguimento está garantido tamén para todas as probas máster do venres e Team Relay do sábado, así como as probas júnior do domingo. A Federación Ciclismo Galego emitirá a través da súa canle de Youtube en directo o resto de competicións, con sinal aberto a nivel mundial. A mellor garantía de que non se perde detalle do Campionato de Europa de Ciclocrós en Pontevedra.