1 julio, 2024
Fantástico balance para o atletismo galego nos Campionatos de España absolutos vividos en La Nucía durante esta fin de semana. As nosas e nosos atletas voltaban cun total de sete medallas, oito postos de finalista, cinco récords galegos batidos e un igualado.
As favoritas, cumpliron
Os títulos de España viñeron da man das claras favoritas nas probas de peso, triplo e xavelina.
A campioa de Europa e candidata ao título olímpico Ana Peleteiro sumaba no foso de triplo o seu sétimo ouro cun mellor salto de 14.27 m. o que será, se non a última, unhas das probas definitivas previas a uns xogos que poden seguir facendo máis grande a de Riveira.
No círculo de lanzamentos suma e sigue dunha fantástica Belén Toimil que mantendo unha traxectoria ascendente, preséntase a este ano olímpico no seu mellor momento de forma. A plusmarquista de España desplegaba o mellor de si para enviar a bola de peso ata uns excelentes 18.75 m. o que representa a mellor marca duns campionatos a escasos 5 cm. do seu récord de España.
Na xavelina premio dobre para o noso atletismo. O título foi para Yulenmis Aguilar que diante dunha das súas últimas oportunidades para selar o seu pase aos Xogos, buscaba un lanzamento por riba dos sesenta metros que finalmente quedaron nuns tamén moi importantes 59.85 m. As alegrías non quedaban aquí xa que a uns metros da gañadora concursaba a actual campioa de España de lanzamentos longos Carmen Sánchez, logrando unha excelente segunda posición con 51.86 m. no seu terceiro tiro.
A marcha galega ten nestes momentos en Antía e Daniel Chamosa aos seus auténticos líderes. Nova exhibición destes dous sensacionais irmáns de eterno sorriso que remataban a proba dos 10.000 marcha en 44:39.24 e 39:28.23 que representan sendos récords galegos absolutos. A maiores esta marca permitiu a Antía lograr o subcampionato de España e a Dani ocupar un fabuloso terceiro escalón de podio de cor bronce.
Como de misión cumplida podemos calificar o campionato levado a cabo por Adrian Ben. Nunha proba cun nivel estratosférico o campión de Europa indoor, lograba un posto de podio que certifica casi con absoluta seguridade e súa presenza en París, principal obxectivo en La Nucía. Adri remataba en 1:45.55 por detrás dun intratable Attaoui e do recente seleccionable por España Elvin Josué Canales. A un mes vista de París, a súa progresión continúa por bo camiño.
Excelentes actuacións e oito postos de finalistas
No resto de actuacións cabe salientar nas probas de velocidade o bo campionato do plusmarquista galego Mauro Triana que estando nas súas marcas da tempada, chegaba a roldas semifinais dos 100 m. con 10.58. O outro velocista galego participante no hectómetro, Pablo Tomé do Celta, quedaba pola súa banda apeado nas eliminatorias con 10.91.
Nos catrocentos fantástico campionato o protagonizado tanto polo campión galego do Celta Jorge Román como por Jacobo Soler. Ambos lograban mellores marcas personais con 46.47 e 46.57 respectivamente o que representa estar diante do máis alto nivel galego desta proba dos últimos corenta anos. Debido ao caro dos postos da final desta distancia, ambos non poideron estar nela o que sin duda merecían. Asemella que o récord de Isidoro Hornillos nesta proba, o máis antiguo de todos (08/09/1979), ten os seus días contados.
Continuando co resto de actuacións, nos 800 m. Hassan Izzeddine da Gimnástica remataba a súa semifinal cunha excelente mellor marca persoal de 1:48.78, entrando por diante de Pedro Osorio do At. Santiago con 1:49.18. Elian Numa pola súa banda e por problema físicos, non puido rematar a súa serie.
Cara e cruz para o internacional e plusmarquista galego Hugo Vázquez do Marineda At. quen lograba entrar pola porta grande nada menos que na final dos 110 valos. Xa nela un inoportuno tropezo cun valo obligáballe a abandoar a proba. Na mesma distancia tanto David Vicente con 14.75 como Santi Rozas do Lucus con 14.85 quedaban nas semis desta distancia.
Na categoría feminina xa viña avisando desde o pasado galego absoluto Uxía Pereira da Atlética Lucense a quen se lle escapaba o récord galego polo excesivo vento a favor. Desta ocasión a lucense non agardaba, estabrecendo xa nas eliminatorias un novo tope autonómico con 13.68 que nesta ocasion (-1.1) si son válidos a efectos de récord. Ademáis delo, gañaba o dereito a estar na final onde remataba sétima con 14.06.
Eva Piñel do A. F. Celta non puido redondear un bo ano cun pase á final dos 1.500 m. Unha das protagonistas dos galegos indoor, remataba nas semis no sétimo lugar con 4:32.42. Quen si estivo en cambio, foi Lía Caride da Gimnástica nos 400 valos quen completando un salientable campionato plantábase nas portas da final para correr a distancia nun magnífico 59.14 que igualan o récord galego de Claudia Roja que precisamente tamén tomaba parte na primeira semifinal onde remataba 4ª con 59.75.
No foso de lonxitude un sempre competitivo Sergio Coello da Gimnástica, chegaba no segundo intento ata os 7.72 m. que lle daban o sexto posto dun concurso onde estivo en todo momento na pelexa directa polo bronce que se gañaba con 7.85 m.
Nos lanzamentos María Ezquerro da Gimnástica quedaba ás portas con 46.95 m. de estar na mellora da proba na que si en cambio estivo a campioa de España Sub20 no 2022 Paula Piñón na xavelina, grazas so seu terceiro lanzamento de 45.40 m. que lle supuxeron un importante sétimo posto do campionato.
No martelo posto tamén de finalista para Eric Méndez quen viña cun mellor lanzamento este ano de 62.17 m. e que en La Nucía lograba 61.54 que lle permitiron ocupar un oitavo lugar da clasificación xeral. Un dos referentes dos lanzamentos galegos, o valdeorrés Carlos Revuelta da Gimnástica, lanzaba ata os 59.52 m. que o posicionaron entre os dez primeiros do campionato. No mesmo concurso, Blanca Pereira do Ourense Atletismo continúa escalando postos a nivel estatal. Desta ocasión a lanzadora Sub20 acreditaba 54.47 m. no seu primeiro lanzamento que a colocan na elite nacional logo de acceder ao oitavo posto da proba.
Na marcha Aldara Meilán convertida xa nunha realidade, lograba a cuarta posición do campionato de España nos 10.000 m., cedendo tan só ante as marchadoras olímpicas que representarán a España en París. A Lucense remataba en 45:06.75 que supoñen un prometedor novo récord galego Sub20 e Sub23. O futuro sen dúbidas pode ser seu.
Nas combinadas o internacional venezolano Gerson Vidal Izaguirre, competindo por Galicia acadaba o terceiro posto da proba (sen dereito a medalla) con 7.553 puntos nunha modalidade nas que as súas mellores probas foron os 110 valos, a lonxitude e os 100 m.
Por último, representación galega no campionato de remudas da man do equipo pontevedrés da Gimnástica de Pontevedra. Os do Lérez, formado por Alexis Miguens, David Abalde, Eduardo Gallardo e Oriol Madi lograban a quinta posición cun rexistro de 3:10.70.