27 abril, 2024
O tríatlon regresa o vindeiro domingo, 5 de maio, a Vilagarcía coa celebración do XIII Tríatlon Concello de Vilagarcía- Campionato Galego por equipos contra reloxo, un evento deportivo que contará coa participación de 81 equipos masculinos e femininos das categorías absoluta, open e escolar. O evento organizado pola Fundación Municipal de Deportes volverá a ter como epicentro Vilaxoán, xa que a proba de natación realizarase en augas do peirao desta localidade e alí establecerase tamén a liña de saída e meta dos circuítos das carreiras ciclista e pedestre.
Pechada a inscrición no día de onte, no Campionato Galego absoluto participarán 26 equipos masculinos e 8 femininos. No Open están inscritos outros 26 equipos de homes e 2 de mulleres, mentres que na categoría escolar competirán 10 equipos de nenos e 9 de nenas.
As distancias a cubrir adaptaranse a cada categoría. Así, no Campionato Galego absoluto e no Open os participantes deberán nadar 750 metros, completar 20 quilómetros en bicicleta e correr outros 5 a pé. Na modalidade escolar, a proba de natación terá unha distancia de 300 metros, a ciclista de 10 quilómetros e a carreira pedestre, de 2,5.
Como xa se dixo, a proba de natación desenvolverase en augas do peirao de Vilaxoán. O circuíto de ciclismo comezará na transición situada na explanada da rúa Preguntoiro pola rúa do Peirao, xirando á esquerda por Avelina Nogueira, para continuar pola rúa Víctor Pita e Valle Inclán ata o punto de retorno situado á altura da rúa Alexandre Bóveda, xa en Vilagarcía, dende onde se regresará de novo por Valle Inclán, continuando por Víctor Pita e rúa Preguntoiro. Por último a carreira a pé establécese nun circuíto de dúas voltas para a proba absoluta,comezando dende a zona de transición do peirao de Vilaxoán ata o punto de retorno, regresando polo mesmo muelle e continuando pola rúa Preguntoiro ata o final da mesma.