No día de onte presentábase no Concello de Lourenzá unha nova edición correspondente ao Campionato Xunta de Galicia de Milla en Ruta e de 1 Km. que se desenvolverá polas rúas do citado concello o vindeiro día 1 de xuño a partir das 16.45 horas.
Ao acto de presentación acudiron entre outros e otras a Alcaldesa do Concello Rocío Pérez, o Concelleiro de deportes Francisco Dasilva, o Vicepresidente da Federación Galega de Atletismo Jesús Vázquez, o Presidente de Maderas Barcia Lourenzá-Cervo Pablo Maseda, o Delegado da Federación Galega en Lugo Pablo Gandoy así como demáis membros colaboradores do campionato.
Para esta edición, están inscritos nestes intres máis dun cento de atletas que competirán nalgunha das dúas modalidades de Milla ( de Sub18 en adiante) ou de 1 Km. para as categorías Sub10, Sub12, Sub14 e Sub16.
Entre a relación de inscritas e inscritos figura a presenza da subcampioa absoluta feminina do ano pasado no mesmo circuito, Andrea Iglesias do Ría Ferrol que compartirá protagonismo cos tamén medallistas Christian Sierpes do Atletismo Narón na Sub18 e os máster Rubén García do Maderas Barcia na M50, José Manuel Fernández do Verxel Nutrición na M60 e Domingo Álvarez do Egovarros na M70.
A maiores, contaremos ca participación do plusmarquista e campión de España Alex Sierpes na categoría Sub18 en representación da Sociedade Deportiva do Trega.
Pablo Vázquez do Atletismo Narón e Lidia Balseiro do Maderas Barcia Lourenzá, serán tamén outros dos atletas destacados que estarán presentes tomando parte na distancia inferior de 1 Km.