21 octubre, 2024
Dúas probas da Copa Galicia de Ciclocrós celebradas ata o momento e en ambas citas houbo lama a esgalla. Unha semana despois de abrir temporada no Porriño, o certame autonómico chegou este sábado a Betanzos, onde choveu durante as dúas primeiras horas de competición. Sobre o ‘chocolatado’ circuíto do Parque do Pasatempo, o elite Iván Feijoo (Academia Postal – Maceda) e a sub-23 Laura Mira (Team Farto – BTC) acadaron os seus primeiros triunfos absolutos desta campaña.
A sétima edición do CX Concello de Betanzos, organizado polo BTT Caimanes, arrancou cos triunfos de Carlos Aguilar (Cambre) en Infantil e Lucas Blanco (Cambre) en Cadete. A segunda quenda concentrou todas as carreiras de mulleres, con Laura Mira vencendo cunha vantaxe de 1 minuto e 28 segundos sobre Sarela Conde (Academia Postal – Maceda). O terceiro posto na carreira raíña feminina ocupouno a tamén sub-23 Uxía Soto (Extol – Zambora.es). As vitorias no resto de categorías femininas asináronas a elite María Jesús Barros (Supermercados Froiz), a júnior Alba Gregores (Lynalfa Ponteareas), a cadete Xiana Seijo (Caimanes Betanzos), a infantil Clara Pintos (Lynalfa Ponteareas), a máster-40 Jana Buba (Coruxo) e a máster-50 María González (In Situ).
Os paraugas xa estaban pechados cando compareceron os competidores masculinos elite, sub-23 e júnior. Iván Feijoo, recuperado da caída que sufriu no Porriño, completou as seis voltas xunto a Ricardo Buba (High Level – Gsport), o gañador da primeira xornada. O duelo entre o elite allaricense e o sub-23 gondomareño resolveuse nos últimos metros a prol do corredor do Academia Postal – Maceda. A 1:20 dos dous primeiros clasificados concluíu o o sub-23 local Martín Díaz (Caimanes Betanzos), 5″ por diante do líder elite Luis Fernández Oliveira (Avanza – O Porriño). O top-5 absoluto pechouno o sub-23 Fabián Rodríguez (Cambre). En canto aos júnior, Raúl Puelles (Caimanes Betanzos) deulle o triunfo ao club organizador.
A entrega de premios celebrada ao mediodía comezou cun minuto de silencio na memoria de Juan Muñiz Agís, pai de Juan Carlos Muñiz -presidente da Federación Ciclismo Galego-, e concluíu coa entrega dos cartos recadados no crowfunding posto en march para que Luz Iglesias, a fotógrafa da Copa Galicia, conte cun novo obxectivo logo de perder un na Copa de España de Gijón. Un xesto cheo de cariño da familia do ciclocrós galego.
A sesión de tarde estivo reservada aos grupos de idade máster de homes. Sen chuvia, pero con barro, impuxéronse Jonathan Sousa (In Situ) nos 30, Andrés Calvete (Monte Xalo) nos 40, Eloy Otero (In Situ) nos 50 e Darío Buceta (Farto) nos 60.
A xornada no Parque do Pasatempo rexistrou media ducia de cambios de líderes: Sergio Pérez (Avanza – O Porriño) nos infantís, Xiana Seijo nas cadetes, Alba Gregores nas júnior, María Jesús Barros nas elites, Jana Buba nas máster-40 e Darío Buceta nos máster-60. As outras camisolas conmemorativas do Campionato de Europa de Ciclocrós, que se celebrará do 1 ao 3 de novembro en Pontevedra, continúan pertencendo a Clara Pintos nas infantís, Guillermo García (Avanza – O Porriño) nos cadetes, Samuel Castiello (MMR) nos júnior, Uxía Soto nas sub-23, Ricardo Buba nos sub-23, Luis Fernández Oliveira nos elite, Jonathan Sousa nos máster-30, Andrés Calvete nos máster-40, María González nas máster-50 e José Manuel Gómez (Xesteiras) nos máster-50.
O trofeo de mellor club da xornada correspondeu en Betanzos ao Cambre. Pola súa banda, o Lynalfa Ponteareas recolleu o premio como gañador no Porriño. A terceira cita puntuable, das dez que compoñen esta temporada o calendario da Copa Galicia de Ciclocrós, terá como escenario o vindeiro domingo, día 27 de outubro, a localidade lucense de Taboada.
Toda a información sobre este certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e podes atopala nas redes socias a través do cancelo #CopaGaliciaCX.
GALERÍA: