14 septiembre, 2024
Tres xornadas e tres líderes diferentes. Na penúltima etapa da Volta Ciclista a Galicia , o Padronés Cortizo recuperou este sábado en Xinzo de Limia a camisola amarela que perdera 24 horas antes en Sarria. O murciano José Luis Faura desbancou do primeiro posto da xeral ao madrileño Pablo García (Polti Kometa) grazas a súa presenza na escapada de seis corredores que se xogou o triunfo parcial. O venezolano Ricardo Zurita (High Level – Gsport) ergueu os brazos na liña de meta como gañador dunha etapa con perfil de ‘clásica’.
Os 160 quilómetros con inicio e final na localidade ourensá de Xinzo arrancaron con José Luis Faura na terceira posición da xeral, a 18 segundos do líder Pablo García. O Padronés Cortizo tiña a catro ciclistas entre os dez primeiros da xeral e moveu a carreira dende o principio para desgastar ao Polti Kometa. O conxunto de Padrón contou coa esixencia do itinerario pola comarca da Limia como un dos seus grandes aliados. O trazado da etapa presentaba tres portos de 3ª categoría e un dobre paso polo ‘muro’ de Trandeiras, unha explosiva subida non puntuable.
Polo primeiro porto, o das Estivadas no km 16, pasou en cabeza Biel Font (Torres Trigón) e pouco despois formouse unha escapada de seis ciclistas composta por Ángel Maneiro (Supermercados Froiz), Manuel Rodríguez (Porminho), Samuel Fernández (Gomur Cantabria), Fabrizio Crozzolo (Technosylva Maglia) e dous representantes do Padronés Cortizo, Francesc Bennassar e Vojtech Kminek.
Esta fuga chegou a contar con 2 minutos de vantaxe. Encabezada por Francesc Bennasar nas Metas Volantes de Baltar e de Bande, e por Samuel Fernández no alto de Iermes, o pelotón anulouna antes das primeiras ramplas do Couso. Os ataques sucedéronse nesta subida, apuntándose Pau Matarín o esprint polos puntos da Montaña. Sen tregua no descenso, o checo Kminek conseguiu abrir oco a falta de 50 quilómetros para a conclusión, anotándose a Meta Volante dos Blancos e posteriormente agardando por outros seis corredores que abandonaron a disciplina do grupo principal, un deles o seu compañeiro de equipo José Luis Faura.
Os dous ciclistas do Padronés Cortizo fixeron un primeiro paso pola liña de meta xunto a Jose Autrán (Supermercados Froiz), Estanislao Calabuig (Caja Rural – Alea), Charlie Genner (Retelec Ambilamp) Samuel Fernández e Ricardo Zurita. Os últimos 35 quilómetros incluían dúas subidas ao ‘muro’ de Trandeiras, onde Kminek perdeu contacto cos seus acompañantes na primeira ascensión. A diferenza foise achegando ao minuto entre o sexteto e o pelotón, un grupo no que o líder xa só contaba cun compañeiro de equipo.
A unidade mantívose entre os seis de cabeza logo de superar por segunda vez a ascensión de Trandeiras e na recta de chegada fixo valer a súa condición de esprínter o venezolano Zurita por diante do chileno Autrán e do asturiano Samuel Fernández, segundo e terceiro respectivamente. Faura deixouse 3 segundos que non lle impediron situarse líder. A 29” rematou un terceto, a 52” un grupo de sete unidades e a 1 min 23 o pelotón con Pablo García, que se despediu da camisola da líder.
O elite murciano Faura afronta a última etapa con 33” de marxe respecto ao sub-23 Calabuig. A camisola da Montaña pertence a Pau Matarín, a de mellor galego a Martín Rey e a das Metas Volantes a Francesc Bennassar. Os tres primeiros clasificados da etapa recibiron no podio como trofeos unhas Pantallas de porcelana, o símbolo do Entroido de Xinzo. Nesta cerimonia de entrega de premios participou na súa vila o ciclista profesional Carlos Canal, que colaborou no deseño dunha tirada que non defraudou.
A 22ª edición da Volta a Galicia para ciclistas elite e sub-23 resolverase este domingo na comarca pontevedresa do Salnés. Ás 10:00 horas darase a saída na localidade de Sanxenxo a un percorrido de 127 quilómetros nos que se disputarán as Metas Volantes bonificadas de Meaño (km 29) e Caldas de Reis (km 64), e ascenderanse os altos de Lobeira, de 3ª categoría no km 48, e o do Monte Castrove, de 2ª no km 98. Unha vez que se coroe o porto de máis categoría desta rolda, a carreira regresará a Sanxenxo para decidirse definitivamente na rúa Rafael Picó de Portonovo.
Toda a información sobre a 22ª Volta Ciclista a Galicia está dispoñible na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e o cancelo oficial do evento é #VoltaGalicia2024