28 junio, 2024
O preparador sarriano David Páez vén de converterse no máximo responsable da canteira do CD Lugo. O club lucense pechou recentemente o acordo para que David se faga responsable da estrutura da canteira dun dos históricos do fútbol galego. Deste xeito, o CD Lugo reafirma e aposta por poñer en valor os talentos que hai na canteira lucense, algo que David coñece perfectamente, xa que desde o 2019 foi o seleccionador galego sub 14, durante unha campaña, e sub 16 os cursos posteriores.
O técnico de Sarria acumula unha ampla experiencia no fútbol galego. Foi director de canteira no Calasancio (2014-17) e adestrador en diferentes clubs e categorías do fútbol galego.
Dous trofeos para a nosa vitrina
Á RFGF chegou no ano 2019 como seleccionador galego sub 14. Durante o seu primeiro mandato, David Páez asinou a clasificación para a fase final do Campionato de España que non se celebrou por mor da pandemia da Covid.
Posteriormente, e xa como técnico da Selección Galega sub 16, David Páez fixo historia ao conquistar o Campionato de España en Pontevedra tras derrotar a Andalucía na gran final. Ao ano seguinte, Páez tamén clasificou a Galicia entre as catro mellores da Fase Ouro caendo nas semifinais ante Cataluña.
Esta mesma campaña, o preparador galego puxo o broche de ouro ao gañar a Fase Prata en Madrid.