6 junio, 2024
Betanzos acolle este sábado a segunda proba do III Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, unha competición organizada en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo na que está prevista a participación de 13 clubs de toda a provincia e máis de 300 deportistas con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos das categorías pre benxamín, benxamín, infantil e cadete e nas modalidades de kaiak e canoa.
Trátase da segunda proba do Circuíto, tras a disputada en Pontedeume o pasado 1 de maio, e continuará con outras regatas previstas na Coruña (As Xubias, 7 de xullo), Boiro o 4 de agosto e As Pontes o 7 setembro.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, presentou hoxe o evento acompañado da alcaldesa de Betanzos, María Barral e o presidente da Federación de Piragüismo, José Bea. Tamén estiveron presentes o membro do Club Náutico Ría de Betanzos, Javier Benito; o primeiro tenente de alcalde de Pontedeume, José Simoes; o concelleiro de Deportes de Boiro, Marcos Fajardo; a presidenta do Club Deportivo Náutico Miño, Teresa María Oujo e a tesoureira, Natalia Taracido; ademais de representantes do Club Piragüismo de Narón.
Leira destacou «o éxito de convocatoria, con máis de 300 deportistas inscritos para o sábado en Betanzos, o que demostra que esta nova edición do circuíto de piragüismo da Deputación está xerando unha elevada expectación entre os deportistas e clubs de piragüismo da provincia».
Os clubs participantes nesta nova edición son o Club Rías Baixas Naútico de Boiro, o Grupo Xuvenil de As Pontes, o Club Naútico Ría de Betanzos, o Club Kayak Mar Ría Muros-Noia, a Sociedade Deportiva das Xubias (A Coruña), o Club Naútico de Cambre, o Club Deportivo Naútico de Miño, o Club Ribeiras do Tambre, o Club Cabanas KDM, o Club Náutico Firrete de Pontedeume, o Club de Piragüismo Rianxo, O Club Piragüismo Narón e a Escola de Piragüismo de Outes.
En cada unha das cinco probas establecerase o percorrido máis axeitado en función do lugar de celebración da regata, sinalizado con balizas sobre boias e tendo como referencia a distancia de 1.500 metros para benxamíns e alevíns e os 3.000 metros para infantís e cadetes.
Establécense clasificacións individuais e por equipos para cada regata, e unha clasificación final do circuíto por equipos. En cada regata entréganse medallas ou trofeo ás tres primeiras/os clasificadas/os de cada categoría e modalidade, ademais de trofeos aos tres primeiros clubs.
Ao final do circuíto repartiranse 16.900 euros en premios entre os clubs participantes, con premios especiais de 2.900 €, 2.450 € e 2.000 € para o primeiro, segundo e terceiro clasificados.