9 agosto, 2024
Este xoves tivo lugar no Salón Azul do Edificio Liceo de Betanzos a presentación das dúas probas que esta fin de semana organiza en Betanzos o Club Ciclista Betanzos. Coa presenza do concelleiro de deportes do Concello de Betanzos, Ricardo Cheda, do presidente do CCB, Alberto Ballester e de Francisco Brea, en representación da Federación Ciclismo Galego, neste acto deuse conta dos dous eventos puntuables para as Copas Galicia de Estrada: a 28ª edición da Volta á Comarca Brigantina, última carreira do certame autonómico para corredores Elite e Sub23, e o 8º Trofeo Festas do San Roque, penúltima cita da Copa Galicia do Porvir para as dúas categorías cadetes e a júnior feminina.
Empezaremos o sábado coa Comarca Brigantina que sobre un trazado de 160 km partirá da praza Garcia Irmáns ás 10:30 horas para terminar en pleno centro histórico, coa xa mítica subida á Praza da Constitución, ao redor das 14:00 h. 80 corredores dos principais equipos galegos do pelotón amateur transitarán polos concellos de Bergondo, Paderne, Abegondo, Oza-Cesuras, Curtis, Aranga e Coiros. E dúas novidades no trazado cun tramo de sterrato en Beche e a espectacular subida a 50 km da meta ao Miradoiro do Vieiro no Concello de Aranga.
Para o domingo tocará o Trofeo Festas do San Roque, unha proba que cambia a súa data histórica do 15 de Agosto con motivo de poder sacar a un trazado de estrada ás categorías de cadetes, juniors e mulleres. Ao redor de 250 deportistas e 24 escolas de ciclismo, dúas delas asturianas, daranse cita na zona do Eroski a partir das 10.00 h da mañá. Empezando os cadetes e mulleres ás 10:00 h para dar paso aos juniors ás 12:00 h. Serán 45 km para as mulleres, 64 para os cadetes e 80 para os juniors sobre un circuíto a varias voltas que transitará polos concellos de Abegondo, Cambre, Bergondo e Betanzos, tendo a contorna do encoro de Cecebre unha notable presenza. Mentres tanto faranse as carreiras de alevíns e infantís nun circuíto urbano de 1,8 km na zona do Pasatempo e as xincanas para promesas e principiantes no Velódromo Jose Ventosa.
Sen dúbida todo un reto organizativo para o Club Ciclista Betanzos que quere aproveitar para agradecer a todos os voluntarios, patrocinadores e institucións que o fan posible.