7 octubre, 2025
O cambadés Amadeo Abal Chaves (Amadeo Abal Nutrición Deportiva) e a compostelá Debris Paniagua Rodríguez (Club Atletismo O Pino) proclamáronse vencedores da XLII Carreira Pedestre da Amaía, organizada polo Concello de Brión en colaboración co Club Deportivo Brión Hypersa Santiago. A pesar das condicións meteorolóxicas adversas, a cita deportiva contou cunha participación récord de 392 atletas, 190 máis que na edición anterior.
Abal Chaves completou os 10 quilómetros da proba cun tempo de 31 minutos e 15 segundos, mellorando en 1 minuto o tempo do gañador de 2024 e superando o seu propio rexistro de hai dous anos, cando lograra a terceira posición. O atleta do Cambados impúxose con claridade, aventaxando en 1 minuto e 35 segundos ao segundo clasificado, Hugo García Souto (Atletismo Portugalete), e en 1 minuto e 49 segundos a Amador Pena Torreira (Atletismo Obradoiro), terceiro na clasificación masculina.
Na categoría feminina, a “maldición” da proba continúa: ningunha atleta repite título de forma consecutiva. Nesta ocasión, a ausencia de Isabel Caeiro Mariño abriu paso a unha renovación completa do podio. Debris Paniagua Rodríguez entrou en meta cun tempo de 35 minutos e 50 segundos, alcanzando un destacado 14º posto absoluto. Só 9 segundos detrás chegaba Sabela Castelo López (Club Ourense Atletismo), mentres que o terceiro lugar correspondía a Demeku Paniagua Rodríguez (Club Atletismo O Pino) cun rexistro de 36 minutos e 37 segundos.
A competición por equipos tamén estivo dominada polos clubs composteláns. Club Triatlón Compostela revalidou o título por segundo ano consecutivo, seguido polo Club Atletismo Sar. Os locais do Club Atletismo Brión-Hypersa Santiago conseguiron a terceira posición, sumando un éxito máis ao calendario deportivo da comarca.
Os premios entregáronos o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e o concelleiro de Deportes, Carlos Noya, acompañados das concelleiras Rosa Romero e Guarina Rey, así como do concelleiro José Antonio Vidal. Os trofeos, deseñados polo prestixioso ceramista Nano Unzueta, residente en Brión, foron un reflexo da identidade cultural e artística da localidade, combinando deporte e arte nunha xornada que quedará na memoria dos participantes.