25 septiembre, 2024
O prazo para inscribirse nas actividades dirixidas e nas escolas ofertadas pola Área Deportiva da USC aínda permanece aberto naquelas accións que non completaron o número de prazas. Coa programación deportiva do curso 2024/25, a Universidade de Santiago dá continuidade ás propostas desenvolvidas en anos anteriores e ao compromiso de fornecer a comunidade universitaria de opcións de saúde, entretemento e competición accesibles para todo tipo de persoas usuarias.
En concreto, no caso do Campus de Lugo, o programa de Mantemento + Aerobic + Step pasa a ofertar un novo horario que se estenderá de 19.00 a 20.00 horas, os martes e xoves, na Facultade de Veterinaria. As clases botarán a andar o 1 de outubro. Outra das novidades é a oferta de voleibol mixto no campus lucense, os luns e mércores de 20.45 a 22.15. A actividade que tamén botará andar o 1 de outubro, desenvolverase no C.E.I.P. Illa Verde.
En Santiago de Compostela, ampliouse o número de prazas nos grupos de zumba que desenvolverán a súa actividade os luns e mércores, de 19.30 a 20.30, e os martes e xoves, de 20.30 a 21.30 horas. O resto das actividades e horarios pode consultarse na web da Área Deportiva. Finalmente, a inscrición nas actividades libres farase ao longo do curso naquelas nas que cada persoa desexe participar.
Proceso de inscrición
O primeiro paso para acceder á maior parte dos servizos é rexistrarse como persoa usuaria da Área Deportiva a través da páxina web. Este rexistro é gratuíto e por unha soa vez, xa que ten carácter indefinido. Distingue dúas tipoloxías de acceso, para integrantes da comunidade universitaria, con preferencia en prazos de inscrición e tarifas reducidas, e persoas externas á USC.
As persoas rexistradas poderán efectuar a inscrición en todas as actividades xa abertas así como solicitar o acceso (reservas e entradas) aos espazos do seu interese.