26 noviembre, 2025
A Eurocidade Tui-Valença prepárase para acoller este sábado a máis de 700 deportistas na novena edición da Urban Trail Night Eurocidade, unha proba nocturna que cada ano sorprende aos participantes ao percorrer dous países nunha experiencia única.
Este mércores, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto co concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Óscar Silva, o xefe territorial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, e os organizadores do evento, Serafín Martínez e Justi Peixoto, presentaron todos os detalles da carreira.
Enrique Cabaleiro destacou que “somos o único territorio transfronteirizo de Europa que ten un calendario conxunto de actividades culturais e deportivas”, e subliñou que “isto forma parte dunha realidade social que impulsa ás administracións a desenvolver proxectos de forma conxunta”.
Rafael Estévez, que confirmou a súa participación na proba, definiu a carreira como “unha proba única” e indicou que o seu obxectivo é acadar os 1.000 participantes. No mesmo sentido, Óscar Silva sinalou que esta proba contribúe a desenvolver un territorio “único na Península Ibérica”. Pola súa parte, Daniel Benavides referiuse á Urban Trail Night como unha “proba referente” e destacou a importancia da colaboración entre Tui e Valença.
Serafín Martínez, director deportivo da carreira, e Justi Peixoto, membro da organización, salientaron que as máis de 700 inscricións —procedentes de Galicia, Asturias, Madrid e Portugal— supoñen un récord de participación, coa aspiración de acadar o milleiro de corredores nas vindeiras edicións. Cada ano, o percorrido sorprende aos participantes ao atravesar a fortaleza de Valença, a vella Ponte Internacional, o conxunto histórico de Tui e diversos espazos naturais da Eurocidade.
A saída terá lugar ás 19.30 h desde o Centro Coordenador de Transportes de Valença, e a meta estará situada no Paseo da Corredoira en Tui, tras percorrer distancias de 8 ou 16 quilómetros. As inscricións pechan hoxe mércores ás 23.59 h en urbantrailnight.com.