6 junio, 2024
Os mellores especialistas mundiais citaranse no Gadis Longboard Festival Ferrol (do 13 ao 16 de xuño), no Abanca Pantín Classic Galicia Pro (Valdoviño, do 24 de agosto ao 1 de setembro) e no Cabreiroá Junior Pro Razo (Carballo, do 24 ao 28 de de setembro)
«O surf é un elemento tractor e o convenio entre a Deputación e a organización destes tres campionatos é seguramente un dos máis importantes que firmamos», sinalou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, na presentación hoxe das probas
A World Surfing League (WSL) volve este verán ás costas coruñesas con tres probas que contarán co apoio da Deputación da Coruña e que serán as únicas do circuíto mundial que se disputen en España: o Abanca Pantín Classic Galicia Pro, o Cabreiroá Junior Pro Razo e o Gadis Longboard Festival Ferrol. Presentáronse esta mañá no hotel Quinta da Auga, de Santiago, nun acto no que participaron o vicepresidente e titular de Turismo da Deputación, Xosé Regueira; os alcaldes de Valdoviño, Carballo e Ferrol, Alberto González, Evencio Ferrero e José Manuel Rey Varela; o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, e Yago Barreto, representante da organización das tres citas españolas da WSL.
Surf, música en vivo, sorteos e food trucks encherán o programa das tres competicións, que reunirán os mellores surfistas do panorama internacional, en diferentes categorías e especialidades, nas praias de Pantín (Valdoviño, do 24 de agosto ao 1 de setembro), Razo (Carballo, do 24 ao 28 de de setembro) e A Fragata (Ferrol do 13 ao 16 de xuño).
Durante a súa intervención, Regueira salientou o potencial do surf, «elemento tractor dentro do turismo, pois falar de surf é falar de economía». «Falamos continuamente de sostibilidade, de buscar un perfil de visitante diferente, máis responsable e máis comprometido tamén co territorio, e o surf danos moitos deses ingredientes», engadiu.
«O convenio entre a Deputación e a organización destes tres campionatos», explicou Regueira, «é seguramente un dos máis importantes que firmamos ano tras ano. Ten moito de culpa a organización, que nos soubo convencer das posibilidades que ten o surf, por iso era a nosa obriga que estar aí, apoiándoos».
«Certo que a ‘Triple coroa’ mundial de surf vaise celebrar en Galicia, aínda que eu vou circunscribir o acontecemento ao ámbito da Coruña, unha provincia con 956 quilómetros de costa onde pasan cousas a referenciar a nivel internacional, e o surf é unha das máis importantes», afirmou o vicepresidente.
Para Regueira, «o sector económico relacionado co surf que se está a desenvolver é relevante non só para os municipios de costa, senón para os de todo o territorio, onde buscamos diversificar e crear produtos de tracción internacional». «Produtos só posibles de ofrecer co colaboración entre as administracións; neste caso, entre a Deputación da Coruña, a Xunta e os concellos, pero tamén co concurso, imprescindible, do sector privado, pois sen a cooperación co sector privado proxectos coma o que hoxe presentamos non existirían».
O vicepresidente e titular de Turismo rematou a súa intervención falando de Experiencias España, «outro proxecto no que estamos empezando a traballar moitos dos que estamos hoxe aquí e que implica as administracións nunha rede de pobos de surf; un proxecto no que temos postas grandes esperanzas para que sirva tamén para que o turismo deportivo da provincia, un turismo de calidade, se vexa beneficiado dese esforzo cooperativo».