8 julio, 2024
Alejandra Neira foi a indiscutible raíña cadete dos Campionatos de España de Escolares 2024 que se disputaron na cidade asturiana de Avilés. Menos de 24 horas despois de conquistar a coroa de contra o reloxo individual (CRI), a corredora da Selección de Galicia venceu na carreira en liña. A santiaguesa bateu na recta final, nas inmediacións do Centro Niemeyer, a Lidia Castro (Castilla y León) con quen protagonizou un vibrante man a man.
O percorrido de 51,7 quilómetros estaba ateigado de pequenas subidas e unha vez atravesado o ecuador da proba Alejandra Neira e Lidia Castro, as dúas primeiras clasificadas a véspera na CRI, distanciáronse do resto de ciclistas. Aínda que a castelá-leonesa chegou a descolgar á galega, a actual líder da Copa de España refíxose para volver situarse a súa altura e nos últimos 15 km resistiu todos os cambios de ritmo que realizou a súa rival. O triunfo xogouse ao esprint e a corredora que pertence ao Cambre impuxo a súa punta de velocidade.