30 septiembre, 2024
Hoxe, luns, 30 de setembro, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do disco «Yaya Kuntur (Padre Cóndor). Himnos en latín y quechua (siglos XVI-XIX)» de Manuel Vilas & Ars Atlántica.
O acto contará coa presenza de Manuel Vilas, que falará deste disco e nos presentará a reproducción da arpa dos frescos da Igrexa de Santiago Apóstol de Huachacalla (Oruro), na actual Bolivia, feita polo luthier Javier Reyes de León, e cuxa imaxen se pode ver na portada do disco.
Yaya Kuntur (Padre Cóndor) é o último traballo discográfico do arpista compostelán Manuel Vilas, nesta ocasión adicado a unha parcela moi concreta da música do Virreinato do Perú: a do himno católico en linguas latina e quechua. Tamén se tratan neste traballo outros aspectos da música peruana destes séculos, como o yaraví ou a importancia da arpa no Perú virreinal. Nesta ocasión Vilas conta coas colaboracións das voces de Magali Revollar, cantante peruana experta no canto andino, e o tenor Diego Blázquez.
Manuel Vilas, nado en Santiago de Compostela, formouse en arpas antigas dos séculos XII ao XVIII, en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con numerosos grupos e, como solista, nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Italia, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Austria, Noruega, Portugal, Suíza, Paraguai, Francia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Países Baixos, Colombia, Hungría, etc., ademais de ofrecer conferencias, cursos e clases maxistrais. Realiza concertos como solista con programas centrados na música barroca española, americana e italiana e ten colaborado, como acompañante e solista, en máis de 100 discos con diferentes conxuntos e discográficas.