28 mayo, 2024
O Mosteiro de Carboeiro, escenario habitual de múltiples producións e eventos culturais, volverá ser protagonista unha vez máis grazas a unha representación teatral de primeiro nivel protagonizada polo actor Xoel Fernández e dirixida por Mabel del Pozo. Xoel Fernández, oriúndo de Lalín, conta cunha amplísima formación e experiencia profesional no mundo da televisión (“Fariña” en Antena 3 ou “6 Hermanas” de TVE), do cine (“La Cueva”, “Mataharis” ou “Camarón”) así como do teatro, disciplina artística coa que chega ao tesouro monumental máis importante e característico de Trasdeza.
Acompañado da Alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a Concelleira de Educación, Ángela Troitiño, Xoel Fernández presentou a obra de teatro “Calígula debe morir”, na que da vida ao emperador romano Calígula para, a partir da súa traxedia histórica, reflexionar sobre a natureza humana, a perversión da sociedade e o existencialismo. Terceiro emperador do Imperio romano, Calígula reinou durante o ano 37 ata o 41, cando foi asasinado. Pasou aos anais da historia como un tirano tolo que levou á quebra económica a Roma. Ademais, foi presentado como un individuo cuxas características máis destacadas foron a crueldade, a extravagancia e a perversidade sexual.
A peza teatral contará cun total de dous pases debido ao aforo limitado do Mosteiro de Carboeiro, tendo lugar as xornadas do 14 e 15 de xuño ás 21:00 horas. “A pesar de ter sido estreada no ano 2018, esta obra viviu unha grande evolución despois da pandemia” sinala Xoel Fernández, quen apuntou que nos últimos meses está a percorrer diferentes espazos patrimoniais por todo o país como o Palacio Real de Olite ou a Igrexa de El Salvador en Talavera de la Reina pero que agarda con “especial emoción a cita de Carboeiro porque é un lugar máxico e perfecto para a mesma”. Por outra banda, Paula Fernández, destacou o orgullo que supón contar cun actor da talla de Xoel Fernández en Silleda, vila coa que garda ademais unha especial vinculación, e animou a toda a veciñanza non perder o que será un dos eventos culturais do ano.
Ademais do lugar elixido, a particularidade desta función será a colaboración do colectivo Enredos Teatro, grupo de teatro da Bandeira, que participará na obra dun xeito moi especial. As entradas estarán a venda dende esta fin de semana no Concello de Silleda, Cuppedia, Pukará, Arume e Bar Currás (Lalín), tendo un custo de 10 euros.