27 abril, 2024
Os versos de Rosalía de Castro tallados na pedra estatua da autora situada no Espolón de Padrón foron as primeiras liñas que Anxo Angueira Viturro (Dodro, 1961) leu na súa lingua materna. Descubriunos aos dez anos, cando chegou á vila para estudar a EXB na escola de Santiso, procedente da unitaria de Chenlo, en Laíño. «Aínda é aquela unha poderosa pedra sensitiva e faladora», evocou este mediodía o escritor no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. O novo académico centrou a súa intervención na poética da luz na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas, un elemento que en Rosalía funciona como símbolo tanto da dimensión social coma existencial da súa obra, salientou.
O profesor da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro escolleu o auditorio municipal de Padrón como escenario para a cerimonia. Entre as paredes do que fora o instituto de secundaria, cursou BUP e COU nun tempo no que naceu «conscientemente ó mundo da formación intelectual e cívica, ó mundo da cultura e do amor, que é o mundo en tódolos sentidos». «Dalgún xeito, con este acto de tan alta honra regreso ó lugar no que empecei e do que partín, onde se forxou de xeito decisivo o que eu son como escritor, como profesor e como cidadán», compartiu. « Padrón, pois, é a miña vila, como Manselle é a miña aldea, Laíño a miña freguesía, Dodro o meu concello, a de Iria a miña Terra ou Vigo a miña cidade», engadiu ante unha sala ateigada de público.
Anxo Angueira ocupa xa a cadeira que quedara vacante en marzo de 2023 tras o pasamento de Salvador García-Bodaño, a quen escoitara por primeira vez, coñecera e tratara tamén en Padrón. Un dos primeiros relanzos da súa intervención foi unha lembranza do autor de Tempo de Compostela, pertencente -retratou- á estirpe dos «grandes poetas» que «son quen de deixar versos de bronce na historia literaria dun país». Mais tamén quixo traer canda el outros tres académicos ausentes: o seu «irmán» Darío Xohán Cabana (1952-2021); o expresidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín –«unha referencia permanente no literario, no cívico e no humano»- e Bernardino Graña, o profesor que «quixo vivir e nos fixo vivir a aqueles mociños e mociñas que chegabamos a Padrón de Laíño ou de Lestrobe, de Rois ou Taragoña, de Estramundi ou de San Lois, de Isorna ou Carcacía», enumerou nunha intervención chea dos nomes e espazos que conforman o seu mapa vital e literario.
A encargada de lle responder en nome da Real Academia Galega foi a académica Chus Pato, quen define no seu texto a Anxo Angueira como «un dos nosos». A poeta indagou nas raíces familiares do novo académico e presentouno a través dos versos “Palmeira do señorito”, incluídos no seu último poemario, Palmeiras, piueiros (2021); a novela Pensa nao (1999), Premio Xerais e primeira dunha triloxía pendente de concluír; e o ensaio Rexurdimento: a palabra e a idea (2019), onde o profesor cuestiona a periodización canónica da historiografía da literatura galega. «Se tivese que elixir unha palabra para definir o corpo letrado de Anxo Angueira non o dubidaría: a palabra é Rexurdimento», propuxo Chus Pato.
«A incorporación de Anxo Angueira á RAG fortalece os recursos intelectuais e humanos a prol da nosa cultura e a nosa lingua, ben necesitada de todas as vontades, intelixencia e traballos», expresou o presidente da Academia no peche do acto. «Os méritos e o currículo do novo académico son unha garantía desa contribución, que Anxo Angueira vén desenvolvendo dende hai tempo alí onde tivo oportunidade, tanto na creación literaria e no estudo crítico como na dinamización e o activismo», engadiu Víctor F. Freixanes.
O ingreso na RAG de Anxo Angueira converteuse nun día de festa en Padrón. Os membros da Academia foron recibidos no concello, onde o académico electo plasmou no libro de honra que con el entran na Academia Padrón e Rosalía. Tras a interpretación do himno a cargo da agrupación folclórica O Pedrón, a comitiva realizou unha ofrenda floral ante a estatua de Rosalía no Espolón. Xa ás portas do auditorio municipal, o académico electo foi recibido cos remos en alto por integrantes da Escola de Navegación Tradicional Dorna. Unha vez aberta a cerimonia, Anxo Angueira entrou na sala acompañado polos dous académicos de número de máis recente incorporación, Lourenzo Fernández Prieto e María López Sández.
A poética da luz en Rosalía de Castro
Anxo Angueira dedicou o seu discurso á poética da luz en Rosalía de Castro, un elemento que «acabou por converterse nun signo moi persoal e ó mesmo tempo moi significativo, mesmo senlleiro, a respecto de todo o conxunto da súa obra». O académico percorreu a produción literaria rosaliana desde La flor (1857) e A mi madre (1862) ata En las orillas del Sar (1884), deténdose especialmente nos Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880), dous títulos marcados pola luz, o primeiro, e mais a sombra, o segundo. Estas dúas categorías antitéticas atopan os seus máximos expoñentes -sinalou- nos poemas “Alborada”, un canto nacional popular que chama ao espertar político de Galicia; e “Negra sombra”, que vén sendo «o recoñecemento de como o eu consciente pode estar sometido á convivencia con outros eu».
O filólogo tamén se referiu á poética da luz como elemento determinante nas visións que de Rosalía deixaron algúns grandes poetas, desde o retrato fundacional de Curros Enríquez (Do mar pola orela / mireina pasar / na frente unha estrela / no bico un cantar. / E vina tan soia / na noite sin fin...) ata Xohana Torres (Ti es pra min o lombo dunha sombra), «elo fundamental que uniu Rosalía coas novas xeracións de escritoras e poetas».
Desde a perspectiva cronolóxica, a poética da luz en Rosalía ten na noite e a súa escuridade un primeiro «instrumento simbólico básico». En La flor este elemento forma xa parte do «teatro necesario para desenvolver unha das grandes estratexias de Rosalía como escritora: a da subversión dos modelos masculinos, patriarcais e mesmos misóxinos», neste caso como resposta ao mito de don Juan, dándolle «a volta desde o punto de vista feminista»; mentres que en A mi madre a noite acompaña unha «primeira sombra» que reforza a descrición das sucesivas fases do dó da escritora tras o pasamento da súa proxenitora.
Cantares gallegos e a luz do espertar político de Galicia
Publicado só un ano despois, Cantares gallegos, o primeiro volume en galego de Rosalía, é pola contra «un libro onde predomina a luz », unha luz que reforza o obxectivo da obra: reivindicar a dignidade política para Galicia, a súa lingua, a súa cultura, a súa terra e a súa paisaxe. Os cantares son, de feito, unha contestación ao «insultante soneto» que Góngora lle dedicara a Galicia, «inscrito nunha tradición humillante e frecuentemente xenófoba» da que participaban máis autores ou mesmo o refraneiro español, lembrou Angueira.
Nestas páxinas emerxe así a luz da mañá en poemas como “Sol de Italia” -no que Rosalía invoca a terra de Garibaldi e o Rirsorgimento– e moi especialmente no penúltimo, “Alborada”. Esta composición (…Arriba / todas, rapaciñas do lugar! / que o sol /e a aurora xa vos vén a dispertar…) revira toda a tradición lírica do xénero que lle presta o título «cara a unha histórica dimensión épica», apuntou Angueira. «A luz da mañá, a luz do primeiro albor non esperta os mozos que pasaron xuntos a noite. Xa non é a luz dun novo día, é a luz dun novo tempo, no que cómpre espertar e mais erguerse con esperanza e alegría. O discurso aparentemente inocuo asociado ó lirismo de paxaros e mociñas ten un fondo político e feminista indiscutible. O xogo simbólico de noites e amañeceres simple ten unha carga épica en que a alegría e a esperanza resultan unha verdadeira arenga. Todo isto converte a “Alborada” de Rosalía nunha referencia literaria e histórica chea de simbolismo para todo o que chamamos Rexurdimento», afondou o profesor.
Con este poema -engadiu- Rosalía situouse na liña fundada, «coma tantas e tantas outras», polo padre Sarmiento e orixinou o seu propio ronsel de alboradas, cun «impacto fundamental no imaxinario cultural e mesmo político daquel tempo». O seu rastro chega ata o Alba de groria de Castelao (1948), o Retorno a Tagen Ata (1971) de Ferrín ou os versos Que importa que nos maten / se deixamos semente de mencer? de Darío Xohán Cabana, debullou.
Follas novas, o libro da derrota
«Se Cantares é o libro da esperanza, Follas novas é o da derrota», proseguiu Anxo Angueira. «As páxinas de Follas son fillas da restauración borbónica e polo tanto do fracaso do proxecto político de Rosalía e Murguía; fillas do incremento da desigualdade social e económica, do triunfo da oligarquía», contextualizou. Por iso a poética da sombra e mais da noite adquire en Follas novas «unha dimensión autopoética e existencial, pero tamén ás veces social», advertiu Angueira.
Canto á «sombra das sombras», o poema “Negra sombra”, malia basearse nun motivo habitual en autores de referencia para Rosalía como E.T.A. Hoffmann e Edgar Allan Poe, esta non é unha sombra romántica nin gótica. «Rosalía nunca foi romántica escribindo en galego. A negra sombra de Rosalía encara e ilumina as complexidades do eu que Sigmund Freud abordaría desde a psicanálise corenta anos despois», advertiu.
«Nesas cadeas que nos atan ós outros eu que levamos no interior é onde cremos que nace a súa complexidade e a súa radical e permanente contemporaneidade. Pero tal recoñecemento non crea no texto de Rosalía as pugnas esquizofrénicas do eu co dobre que podemos ver por exemplo no William Wilson de Edgar Allan Poe ou no “Odiado Amado” de Méndez Ferrín. A “Negra sombra” é o recoñecemento de como o eu consciente pode estar sometido á convivencia con outros eu. E ese é un recoñecemento rotundo, carente de resignación, cheo dun distante asombro feito máis ca de medo, de fascinio, como diría Chus Pato. Un recoñecemento onde a autora soubo facer convivir o escuro enigma coa brillante revelación», concluíu Anxo Angueira.