Este curso desenvolverase desde hoxe ata o venres 11 de xullo coa participación de 13 destacados relatores a nivel internacional
9 julio, 2025
Iniciouse o XX curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: Violencias-Redes Sociais-Consentimento-Coeducación” co acto inaugural a cargo de Milena Villar, profesora da USC e codirectora do curso; María Quintiana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade e de José Crespo, alcalde de Lalín, que pechou a quenda de intervencións. Asistiron tamén a tenente alcalde, Paz Pérez; a concelleira de Igualdade, Carmen Canda, e Miguel Lorente Acosta, médico, forense e profesor na Universidade de Granada, encargado de ofrecer o relatorio de apertura do do curso. Un curso que o poderá seguir calquera persoa que o desexe como oínte e no que toman parte unha vintena de alumnos, profesores e alumnos/as universitarios
Milena Villar fixo fincapé en que “este ano afonda en catro eidos clave como son as violencias, as redes sociais, o consentimento e a coeducación”. Subliñou así mesmo que “chegar á vixésima edición é o reflexo dun compromiso sostido no tempo, dun traballo colectivo que se mantén vivo grazas á implicación de distintos organismos e de distintas persoas que cren en transformar esta sociedade desde a raíz”.
A directora xeral María Quintiana deu grazas polo traballo desenvolto durante “dúas décadas de traballo para seguir avanzando na igualdade de oportunidades”. “Detrás desta organización hai traballo pero sobre todo compromiso en seguir avanzando por unha sociedade máis xusta e democrática e máis igualitaria”, indicou.
“Son abandeirada do rural e valorou moito que un curso como este se leve facendo durante vinte anos e se faga no rural, cando falamos do rural galego tamén temos que ter en conta a diversidade”, sostivo. “O que está claro é que desde o rural hai moito que dicir, traballar e reivindicar, ese é o compromiso que temos desde a Xunta de Galicia e que estamos a impulsar”, remarcou. Neste sentido indicou que “estamos desenvolvendo un Plan Integral de Igualdade, analizando as necesidades -diferentes do rural e do urbano-; imos poñer en marcha 4 CIMs móbiles para levar recursos ás aldeas de Galicia nos que é complicado que estea un centro físico e que eses recursos tamén vaian aos campus universitarios galegos”. “Tamén imos poñer en marcha un programa na USC para que investigadores que están realizando as súas teses investiguen con perspectiva de xénero nos vindeiros anos”, subliñou.
O alcalde de Lalín, José Crespo, transmitiu os agradecemento por “estes vinte anos nos que pasaron unhas 2.000 persoas por este curso que é xa un dos máis lonxevos da USC e dos máis valorados”. “Para nós é un motivo de satisfacción que se poida facer iso en Lalín porque dalgún xeito para os que non somos cidade, é difícil case todo, máis que nos outros sitios”, afirmou. Deu ás grazas á Universidade de Santiago de Compostela “por crer neste proxecto” e á Xunta de Galicia “por botarnos unha man en descentralizar iniciativas en capitais comarcais, unha boa praxe e creo que vale a pena”.
Este curso desenvolverase desde hoxe ata o venres 11 de xullo coa participación de 13 destacados relatores a nivel internacional (Miguel Lorente Acosta, Silvia Pérez Freire, Enma Cepeda, Paz Filgueira, Iván Gómez Beltrán, Beatriz Gimeno, Patricia Alonso, Irantzu Varela, Rosa Cobo, Octavio Salazar, Soraya Calvo e Mª Ángeles Rebollo Catalán) e unha performance musical sobre emocións fronte ás violencias.
Entre os obxectivos deste curso están os de:
-Debater sobre feminismo e educación en igualdade nos ámbitos educativo e social, favorecendo unha reflexión sobre a igualdade como compromiso educativo e rachando os roles e estereotipos de xénero.
-Promover a participación e integración entre escola e comunidade a fin de desenvolver accións que permitan detectar os problemas educativos e sociais que lles afectan e aportar alternativas de solución que contribúan a mellorar a sociedade na que vivimos.
-Facilitar o encontro de profesionais de distintos ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades, favorecendo o intercambio de experiencias e o aproveitamento de materiais e recursos diversos sobre as temáticas propostas.
-Coñecer e analizar boas prácticas para o desenvolvemento de actuacións igualitarias en diferentes contextos.
Esta actividade está cofinanciada polo Concello de Lalín a Universidade de Santiago de Compostela, con cargo aos fondos recibidos do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero. Está dirixido por Milena Villar Varela, do Instituto de Ciencias da Educación e por Susi Payo Negro, da Oficina de Igualdade do Concello de Lalín.
Baixo o lema Defendamos a paz e os dereitos humanos, o certame amesán reafirma a súa vocación internacional a través de tres eixos: a súa selección oficial de curtametraxes chegadas de 21 países, un xurado composto por profesionais de varios países e a participación como festival convidado de Curtinhas, a sección infantil do prestixioso Curtas Vila do Conde (Portugal)