3 noviembre, 2025
O próximo 14 de novembro terá lugar en Ordes unha xornada gratuíta sobre xenética no pastoreo. Correrá a cargo de Antonio Tucci, gandeiro, biólogo ambiental e asesor, quen falará sobre o manexo axeitado dos pastos para unha maior eficiencia e sobre a xenética do pastoreo entendida como a eficiencia de converter a forraxe en carne ou leite.
Terá lugar no salón de plenos situado nos baixos da alameda (Rúa Xosé Xoxardo s/n) de 10 a 14 horas. O programa previsto inclúe a visita a unha granxa en Beán dende as 16 ás 18 horas para ver in situ os conceptos impartidos previamente. Tamén haberá un xantar con petiscos.
As persoas que queiran participar poden inscribirse a día de hoxe chamando ao teléfono 981 682 908 ou enviando un correo electrónico ao enderezo ordes@sindicatolabrego.gal.
Esta actividade está organizada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros en colaboración co Concello de Ordes. Conta co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
O centro de interpretación do patrimonio cultural do Muíño do Pan de Baamonde recupera un antigo muíño como elemento do patrimonio material de carácter etnográfico. Este espazo, ademais, facilita a transmisión dun importante compoñente de patrimonio inmaterial galego que difunde os valores dun grupo humano e dos seus caracteres antropolóxicos, culturais e sociais: neste caso, o mundo arredor dos muíños, tradicións e contexto sociocultural de Baamonde, na época na que estaba en funcionamento. A actividade dos muíños tivo unha importancia considerable na cultura galega, na arquitectura popular, no folclore e no desenvolvemento das relacións sociais e económicas. Neste caso estamos diante dun muíño de presa, construído sobre a ribeira do río Parga, cun encoro que permite alterar o curso da auga, almacenando unha boa cantidade para aproveitar o seu uso como enerxía motora dos rodicios. Fotos: Museos de Galicia/Xunta