9 agosto, 2024
O próximo mes de setembro volve o programa “Tecendo Redes” dirixido ás mulleres dos concellos de Arzúa, Boimorto e Santiso, froito do convenio de colaboración asinado entre os tres concellos para a prestación dos Servizos do Centro de Información ás Mulleres de Arzúa.
“Tecendo Redes” é un programa impulsado pola Concellería de Igualdade do Concello de Arzúa destinado a promover accións de empoderamento feminino para mulleres. A través deste programa búscase que as mulleres participantes poidan atopar nestes espazos experiencias vitais similares, favorecendo así mesmo a creación de redes de apoio e sostén.
O programa conta con dúas liñas. A primeira delas é “Tecendo Camiños”, un proxecto no cal a través de diferentes andainas realizadas pola contorna de Arzúa, se pretende propiciar a creación de espazos seguros que favorezan o intercambio de experiencias entre as mulleres asistentes. Camiñar non será o obxectivo principal deste proxecto, xa que nas propias andainas traballaranse diferentes temáticas arredor do empoderamento feminino e da detección e prevención das violencias machistas.
As novas andainas están previstas para o 31 de agosto, o 7, o 14 e o 18 de setembro, e percorrerán espazos como o Muíño do Rego das Gándaras en Vilasantar, a Capela da Fonte Santa ou a parroquia da Mella en Arzúa.
A segunda liña do programa, Tecendo Coidados, contará con dous novos obradoiros “Sexualidade sen tabúes” e “Solo pelviano”. Estes obradoiros xirarán arredor da sexualidade para desmontar mitos, relacionarnos dende o bo trato e promover o autocoñecemento do corpo, que inclúe un achegamento teórico-práctico para coñecer e exercitar o solo pelviano.
Os obradoiros realizarase na Casa das Mulleres do Concello de Arzúa (Rúa San Vicente s/n) os xoves 5, 12, 19 e 26 de setembro de 16:00 a 19:00.
As prazas son limitadas e a inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no Centro de Información ás Mulleres de Arzúa ou nos servizos sociais dos Concellos de Boimorto e Santiaso.
O programa “Tecendo redes” está cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea. Para máis información poderase chamar aos teléfono 981 501 101 ou 698 119 762.