7 agosto, 2024
O Concello de Vimianzo continúa coas melloras nos camiños municipais e proxecta dúas novas actuacións co obxectivo de reforzar facilitar os desprazamentos entre todos os puntos do municipio.
Os traballos realizaranse no viario municipal de Moreira e As Lagoas, nas parroquias de Carnés e Cereixo, e en Castro, parroquia de Salto, e contarán cun orzamento de 91.445,10 euros, cofinanciado con cargo ao Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024.
As obras, que contan cun prazo de execución aproximado de seis meses, supoñen un reforzo do firme existente e a incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodada que soportan a diario.
A primeira das actuacións, no viario de Moreira-As Lagoas, inclúe a limpeza de gabias a ambas marxes e a mellora da capa de rodaxe. Aplicarase unha capa de aglomerado en quente en toda a plataforma, despois de reparar os baches existentes. Ademais, contémplase a execución de 30 metros de cuneta de seguridade con 30 centímetros de zahorra e quince de formigón. A obra contemplarase coa correcta sinalización horizontal e vertical da zona.
No que respecta á outra, en Castro, inclúe tamén a limpeza de gabias a ambas marxes e a mellora da capa de rodaxe. Aplicarase unha capa de aglomerado en quente a toda a plataforma, reparándose previamente os baches. Os traballos contemplan tamén a canalización de 70 metros de tubaxe e 3 arquetas con sumidoiro. As obras remataranse coa sinalización horizontal e vertical do lugar.
O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, quixo destacar que “estas actuacións son de gran relevancia para seguir mellorando o noso rural e favorecer, así, as conexións entre os distintos núcleos que o compoñen”.