27 octubre, 2024
Vimianzo acollerá, por primeira vez, o ciclo de Cinema Mestre Mateo, unha serie de proxeccións que teñen como obxectivo achegar o mellor cine galego á veciñanza. Este evento, promovido pola Academia Galega do Audiovisual, foi presentado hoxe pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, e pola técnica de Cultura, Nieves Lema, e desenvolverase no Auditorio de Vimianzo durante os meses de outubro, novembro e decembro.
O ciclo comezará xa este xoves 31 de outubro con proxeccións de curtametraxes como ‘Antes de que se poña o sol’, ‘Nena’, ‘O coidado’, ‘O neno sardiña’ e ‘Ulises’. Posteriormente, o 8 de novembro, proxectarase a recoñecida longametraxe ‘O Corno’. O 15 de novembro será a quenda do documental ‘A nave das Marías’, seguido o 22 de novembro pola longametraxe de ficción ‘Matria’.
Xa na recta final do ciclo, o 29 de novembro proxectarase outra selección de curtametraxes de animación, como ‘Illa Cordura’, ‘In Half’, ‘O mostro e a nena’ e ‘to bird or not to bird’. O 8 de novembro será a quenda de ‘Fatum’ mentres que o 7 de decembro, as familias poderán desfrutar con ‘Salta!’. Ademais, o 14 de decembro está programado o documental ‘A viaxe de Lucy’, e o 20 de decembro proxectarase ‘Chichi e máis eu’. O ciclo rematará o 27 de decembro co documental ‘Os espazos en branco’.
As proxeccións terán lugar ás 20:00 horas e serán de balde ata completar aforo, coa billeteira dispoñible unha hora antes do comezo. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou que “esta é unha oportunidade única para que a veciñanza da Costa da Morte poida desfrutar do mellor cine galego sen saír do concello”, e agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por “escoller Vimianzo, o corazón da Costa da Morte, para desenvolver este ciclo de tanto prestixio”.
O Concello de Vimianzo reafirma así o seu apoio ao sector audiovisual galego e o seu compromiso coa difusión da cultura local, ofrecendo unha programación diversa e accesible a todos os públicos.