O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para mañá venres a primeira actuación encadrada no programa Os venres na capela, incluída na programación cultural Outono a escena, pensada para dinamizar as fins de semana dos meses de outubro e novembro con actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos.
O certame ofrece mañá venres, 10 de outubro, unha proposta para público adulto co espectáculo A parábola do angazo da compañía Talía Teatro. Esta función cómica con Artur Trillo e Toño Casais parte dunha coñecida lenda que xa recollía o Padre Sarmiento no século XVII. Os dous intérpretes, a través dun diágolo fluído e cargado de humor, farán unha viaxe polas anécdotas máis significativas da historia da nosa lingua, enlazando episodios do noso pasado para explicar o que sucede no noso presente e demostrando que a lingua resistiu e resiste toda situación adversa.
Seguindo a liña iniciada por Bicos con lingua e Pelos na lingua, presentan unha montaxe áxil e versátil, onde o humor é parte fundamental da engrenaxe do espectáculo.
A función terá lugar ás 21:00 h. na Capela da Madanela e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade.




