24 abril, 2024
Visita institucional do Concello de Tomiño (Pontevedra), a segunda en cinco anos, a Carballo. Nesta ocasión, sete dos nove membros do goberno municipal, entre eles a súa alcaldesa, Sandra González Álvarez, achegáronse para interesarse por iniciativas das concellarías de Bibliotecas, Participación Veciñal e Medio Ambiente, principalmente.
A expedición de Tomiño chegou a Carballo ás 11.00 horas. Despois de ser recibidos por Evencio Ferrero na Alcaldía, os representantes de ámbolos concellos trasladáronse á sala de xuntas para celebrar unha reunión de traballo na que participaron os concelleiros carballeses Luis Lamas, Ramón Varela, Maruxa Suárez, Belén Lendoiro e Juan Seoane.
Na xuntanza abordáronse aspectos relacionados coa xestión e o funcionamento das bibliotecas municipais, xa que o Concello de Tomiño está a poñer en marcha un novo centro multiusos que inclúe biblioteca e outros servizos culturais, e nese sentido o modelo de Carballo é unha referencia. Tomiño tamén aposta pola participación veciñal, e no concello puido coñecer o funcionamento dos consellos parroquiais, constituídos a finais do ano 2016. Así mesmo, Carballo é un exemplo de xestión do ciclo integral da auga, que centrou outra parte da visita.
Despois do intercambio de opinións e experiencias, a mañá continuou cunha visita a algúns dos servizos e instalacións municipais e un percorrido pola vila.