2 julio, 2024
O Concello de Carballo, a través das áreas de Servizos Sociais e Mocidade, organiza o segundo campus urbano para adolescentes de 12 a 16 anos, unha iniciativa que ten como finalidade favorecer a conciliación das familias con fillos e fillas desas idades, que xa non teñen cabida nos campamentos infantís de verán que organizan diferentes entidades.
O campus será gratuíto e desenvolverase na planta alta do mercado municipal, de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00. Os/as participantes deben estar empadroados no concello. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. As familias interesadas deben cubrir este formulario. O último día de prazo será o venres 5. As solicitudes admitidas serán confirmadas vía correo electrónico. No caso de que non se cubran polo menos a metade das prazas previstas non se realizará a actividade.
As actividades do campamento serán variadas, coa premisa de fomentar valores como o compañeirismo e o respecto, así como destrezas e habilidades que contribúan a fomentar o desenvolvemento integral dos/as participantes, pero este ano queremos traballar especialmente a creatividade da rapazada con actividades como un obradoiro de máscaras tribais con material de refugallo, elaboración de pousavasos con cemento e plásticos da man de Antonia Studio, creacións con herbas e flores ou bordado de Furoshiki con La chica de la cinta.
Ademais, todos os días haberá xogos diversos, e o venres, xornada de despedida, realizarase un obradoiro de cociña e unha festa con música, karaoke, gofres e glitter bar. Os/as participantes estarán acompañados por dous monitores con experiencia.
O campus urbano será a primeira actividade destinada á mocidade que levaremos a cabo este verán. En agosto realizaranse dous campamentos tecnolóxicos dos que ofreceremos toda a información nos vindeiros días.